A política de persoal é un dos mellores parámetros para comprobar a calidade dun goberno. No caso da Deputación, a xestión dos recursos humanos ten aspectos altamente preocupantes. Por iso, en palabras do seu portavoz, Javier Castiñeira, “o Grupo Provincial Popular vai seguir denunciando os agravios en política laboral, de persoal, na Deputación de Lugo, especialmente do ex sindicalista e agora patrón da Deputación de Lugo, señor Tomé, que non lembra o seu pasado de sindicalista e que en vez de velar polos intereses dos traballadores máis desfavorecidos, ao contrario, trata de velar pola política de amiguismo e compensacións”.
Castiñeira declara: “De novo vólvese abusar das asignacións temporais de funcións (ATF), que deberan ser casos moi concretos; novamente se abusa disto para nomear xefes de servizo a traballadores que entendemos que nalgún caso non lles corresponde, porque os principais méritos que parecen ter é ser compañeiros ou ex compañeiros do señor Tomé no Parlamento de Galicia ou ter sido cargo socialista nalgún momento”.
Explica o portavoz popular que “a este agravio están sometidos os ex traballadores de Suplusa dedicados ao mantemento das zonas verdes, que pasaron, en contra da súa vontade, a formar parte do cadro de persoal de Tragsa, mentres outros compañeiros en Suplusa se incorporaron directamente á Deputación de Lugo. Non se avanzou nada en corrixir esa situación”. Engade: “Neste caso o BNG incumpre as promesas de solucionar este problema canto antes. O peor é o día a día, porque se están incumprindo acordos da propia subrogación en Tragsa, acordos que afectan aos dereitos laborais deses 21 traballadores . Nin Tragsa é capaz de cumprilos nin o goberno da Deputación ten interese en velar para que se cumpran eses dereitos”.
Os populares piden “ao señor Tomé moito máis rigor e que mire polos traballadores máis desfavorecidos”. Conclúen que “a política do goberno provincial é unha política caciquil en moitos casos, que non debería admitirse”.