Partido Popular de Lugo

O PP acusa ao goberno provincial de conxelar o Plan Único para dedicar os seis millóns que medra o orzamento da Deputación a convenios de Presidencia cos concellos “amigos”

O goberno provincial non só non cumprirá o compromiso que adquiriu na investidura para incrementar o Plan Único nun 25% senón que, tal como anunciou onte o seu presidente no Parlamento de Galicia, conxelará este plan  nos orzamentos para o 2022. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, considera que “é unha moi mala noticia que José Tomé anunciara onte a conxelación do Plan Único”. Di que “é mala para os veciños, pero especialmente para os concellos e os alcaldes que esperaban un incremento da cooperación da Deputación no ano da recuperación”.

 

Castiñeira considera que o 2022 “era un ano estupendo para cumprir as promesas que socialistas e nacionalistas fixeron na súa investidura”. Explica que “era posible subir nun 25% a dotación do Plan Único; iso suporía uns cinco millóns de euros máis”.

 

O portavoz popular engade: “Este ano era posible porque subiu a participación das entidades locais nos tributos do Estado. A Deputación pasa de ter algo máis de 93 millóns de orzamento a case cen millóns e con eses seis millóns de euros a maiores si podía cumprir ese compromiso de subir un 25% o Plan Único”.

 

Castiñeira deixa ao descuberto as intencións do goberno provincial e concretamente do seu presidente: “Lamentablemente o señor Tomé e o bipartito queren eses seis millóns de euros para o de sempre, para convenios de presidencia para primar a uns concellos e penalizar a outros, que é o que veu facendo nestes dous anos de goberno”. Os populares lamentan “que non se confíe na maior ferramenta de cooperación que se creou na Deputación de Lugo, no ano 2016, entre Darío Campos e Elena Candia, unha ferramenta moi útil para os concellos que unha vez máis o goberno bipartito da Deputación conxela de novo”.