O Grupo Parlamentario do PP no Senado vén de rexistrar as emendas ao proxecto de Lei da cadea alimentaria para garantir uns prezos xustos e que xa foi anunciada no día de onte pola deputada e voceira de Medio Rural no Parlamento de Galicia, Elena Candia. Así o confirman os catro representantes lucense na Cámara, José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano.
Deste xeito, con estas iniciativas o que piden os populares é que se garanta que todos os elos da cadea de valor láctea cobren polo seu produto un prezo que cubra, alo menos, os seus custos de produción e que esta esixencia se contemple de xeito particular no caso dos gandeiros. Ademais, pídese que no texto final desta lei se recoñezan os resultados económicos da Conta láctea galega ou doutras aplicacións oficiais como forma de acreditación do custo efectivo da produción.
Mecanismo de control
Diante desta situación, consideran necesario que se axuste a reforma do proxecto de Lei da cadea alimentaria, actualmente en tramitación no Senado, para que se incrementen de forma sensible os mecanismos de control que impidan aos produtores vender a perdas ou por baixo dos custos de produción.
Defenden que non é suficiente a proposta contida no artigo 12 Ter desta lei, cando se refire a que cada operador deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custe efectivo da produción, polo que reclamamos que o prezo que se debe pagar ao produtor debe cubrir, alo menos, o custo de produción e sempre unha marxe de beneficio, como calquera empresario.
Neste senso, lembran que para que esta Lei teña efecto real, o Goberno central debe habilitar mecanismos de control específicos que garantan o cumprimento desta prohibición, especialmente nas relacións nas que interveñen os produtores do sector primario. Ademais, debe entenderse como válido o custo efectivo de produción determinado a través de aplicacións ou plataformas informáticas especificamente deseñadas ao efecto por parte de organismos públicos de ámbito estatal ou autonómico con competencia en materia agraria.
Así, a iniciativa que impulsa o PPdeG tanto no Parlamento galego, como no Senado, nas deputacións e nos concellos con máis presenza do sector gandeiro, demanda impulsar unha campaña de concienciación dirixida ao consumidor final sobre o papel esencial do sector primario no aprovisionamento de alimentos de calidade, ademais de reforzar a promoción dos produtos lácteos galegos, incidindo en aspectos como a seguridade alimentaria, o benestar animal nas explotacións e a diversificación da produción.
Para rematar, apóiase a demanda de base territorial para os gandeiros, como mecanismo de redución dos custos de alimentación; e a tramitación da constitución do Observatorio Lácteo Galego, previsto na Estratexia do sector lácteo, como instrumento que permita acadar unha mellor estrutura sectorial.