Partido Popular de Lugo

Rubén Otero: “E inxustificable que o alcalde de Castroverde votara na Deputación contra que o municipio reciba 76.000 euros máis e contra o arranxo do cinto comarcal”

Con frecuencia, tanto na vida, en xeral, como na política, en particular, hai que elixir entre lealdades, é dicir, hai que elixir quen ou que é prioritario para cada un. O alcalde de Castroverde, José María Arias, ten moi claras algunhas das súas preferencias e así o deixa ver nos plenos que celebra a Deputación provincial, de cuxa corporación forma parte. Arias non dubida en defender os intereses do goberno provincial, sinaladamente do seu presidente, e os do seu partido, en contra, cando é preciso, dos intereses do municipio do que é alcalde, o que é tanto como dicir en contra dos veciños de Castroverde. Así o sinala o portavoz municipal do PP, Rubén Otero, á vista de que Arias non fixo nada no pleno por aclarar cando se abrirá o centro de día da residencia da terceira idade de Castroverde, nin apoio, senón que votou en contra, o incremento do 25% do Plan Único (76.000 euros máis para Castroverde),  proposto polos populares; tamén votou contra a iniciativa do PP para que a Deputación arranxe o cinto comarcal (LU-P 1611), que tanto afecta a Castroverde.

 

Rubén Otero sinala: “Non podo dicir que me sorprendera o sentido do voto do alcalde, José María Arias, no último pleno da Deputación. Sorpresa non foi porque xa nos ten acostumados. Pero é que esta vez a súa maneira de actuar pasou a liña do tolerable. Non se pode dar prioridade continuamente ao interese de partido sobre os intereses dos veciños do municipio que se goberna. E iso é o que fixo” .

 

Otero destaca que son numerosos os veciños de Castroverde que queren utilizar o centro de día. É preciso entre outros motivos, di o concelleiro popular, para que as familias poidan conciliar a vida familiar e laboral. “É inaudito que permita que un membro do mesmo goberno provincial do que el forma parte se permita non aclarar cando van abrir os centros de día da rede de residencias da Deputación. Para nós, os veciños de Castroverde, é algo moi grave que o noso alcalde e deputado sexa incapaz de conseguir que abra este servizo”.

 

O portavoz popular destaca: “É inaudito tamén que o alcalde de Castroverde, na súa condición de deputado provincial, vote contra o incremento do Plan Único 2022, proposto polo PP, na porcentaxe (25%) na que se comprometeron socialistas e nacionalistas ao principio do mandato; esa suba representaría para Castroverde uns 76.000 euros máis. Como é posible que o alcalde de Castroverde vote non a unha proposta así?” Otero lamenta tamén que o socialista José María Arias votara no pleno da Deputación contra a mellora proposta polo PP da estrada coñecida como cinto comarcal, que é fundamental para a comunicación do municipio cos concellos do entorno.