O goberno provincial despreza aos veciños da provincia cando aplica o rodillo ao PP e desatende iniciativas e preguntas que expón no pleno da Deputación para dar voz aos lucenses. Isto ocorreu de novo na máis recente sesión plenaria, como explica o portavoz popular, Javier Castiñeira: “Unha vez máis o equipo de goberno da Deputación non responde con concreción ás preguntas que lle fai a oposición, o Partido Popular, que, en definitiva, son preguntas que fan os veciños”. O goberno deixou sen responder concretamente unha pregunta sobre os centros de día da rede da Deputación que están pechados.
Castiñeira sinalou: “Neste caso, hai veciños de moitas localidades que están preocupados porque teñen residencias da rede da Deputación nas que os centros de día están pechados. Isto ocorre, por exemplo, en Castroverde, cuxo alcalde tamén é deputado provincial socialista e forma parte do equipo de goberno; a mesma situación se dá en moitos outros casos, e os veciños queren saber cando abrirán os centros de día asociados ás residencias da rede da Deputación”.
O portavoz popular lembra que “os centros de día da Xunta están abertos, os municipais tamén están abertos, polo que os veciños queren saber cando abrirán e por que están pechados os da rede da Deputación”. Engade: “O deputado delegado de Política Social volveu responder con evasivas, sen ningún tipo de fundamento. Dixo que as responsabilidades e competencias son da Xunta de Galicia, pese a que as residencias e os centros de día polos que preguntamos son da Deputación. Non é só que o goberno provincial queira bloquear ao PP, pasarnos o rodillo e facer caso omiso a rogos e preguntas; é que fai todo isto aos propios cidadáns da provincia de Lugo”.
Castiñeira sinala: “Todo o que vén do PP, o goberno provincial trata de silencialo. Tamén neste caso e a pesar de que é un asunto moi importante. No PP seguimos á espera dunha resposta concreta a esta pregunta que fan os veciños: Cando abrirán os centros de día da Deputación de Lugo? Ata agora, ninguén do equipo de goberno da Deputación nos quixo contestar?