Partido Popular de Lugo

“A eliminación das variantes entre Lugo e Ourense por parte do Goberno supón deixar á provincia sen Alta Velocidade”, dille Katy Varela ao PSOE

O Grupo Municipal Popular censura a rolda de prensa dada esta mañá en Monforte polo alcalde e o delegado do Goberno en Galicia, pois “eles saben que a eliminación das variantes entre Lugo e Ourense supón deixar á provincia sen Alta Velocidade”. Por este motivo, e unha vez examinados os orzamentos do vindeiro ano nos que non figura ningunha partida para a construción destes enlaces, Varela pregúntase: “como se atreven o Sr. Tomé e o Sr. Miñones a presumir en Monforte de inversións ferroviarias?”.

 

A popular lanza esta pregunta porque o ferrocarril tivo un peso na economía local dende sempre, pero está a ser o Goberno o que, con iniciativas como a indicada, “que nos deixan afastados, están acabando con el. No canto de impulsar o sector, dilapídano aínda máis”. Proba delo, afirma, é que “tampouco se recuperaron as frecuencias dos trens que había antes da pandemia”.

 

Tomé debe reflexionar

É por este motivo, polo que Katy Varela convida ao rexedor socialista “a facer unha reflexión profunda” e a aproveitar o período de emendas para esixir ao Executivo a central que inclúa estes enlaces nos presupostos e reparar así unha decisión que “é un ataque frontal ás comunicacións ferroviarias na provincia”, manifesta.

 

Para a popular “sería, ademais, unha oportunidade para o alcalde demostre que de verdade ten peso político dentro da súa formación e que non só se move por intereses individuais”.

 

Neste senso, Varela critica que os dous responsables socialistas se “vanagloriasen dun gran investimento, cando, en realidade, corresponde a obras xa comprometidas e que sufriu un recorte brutal ao eliminar a execución das variantes”.

 

A este respecto, e tal e como xa advertiran os senadores do PP en días pasados, a voceira popular en Monforte lembra que as variantes ferroviarias tiñan que servir “para diminuír o tempo de traxecto entre Lugo e Ourense e, por conseguinte, entre a capital lucense e a capital española”. Sen as variantes, o percorrido en tren entre Lugo e Ourense seguirá durando 1 hora e 35 minutos; e entre Lugo e Madrid, unhas inaceptables catro horas e 45 minutos. Indica que “deste xeito, o Goberno central realiza unha falsa promesa de investimento, que irá destinada, salvo a electrificación parcial da vía, ao saneamento do trazado actual e a restitución das características de operatividade e seguridade da liña, que se atopaban en estado de gran abandono”.

 

Cabe destacar que o Goberno tamén se negou a levar a cabo o estudo solicitado polo Partido Popular e por gran parte das forzas vivas da sociedade lucense para saber se é viable conectar Lugo con Santiago e coa Mariña por vía ferroviaria.