Partido Popular de Lugo

O PP di que Tomé quere converter a Deputación nun ariete contra a Xunta, “pese a que no 2022 aportará aos lucenses 100 millóns máis mentres o Goberno abandona as infraestruturas”

O socialista José Tomé prioriza, unha vez máis, o seu propio interese político sobre os intereses da provincia e dos lucenses en xeral. O pleno que hoxe celebra a corporación provincial e o feito de que, tendo xa fecha para presentar o proxecto dos orzamentos provinciais no Parlamento de Galicia, non o fixera aínda ao grupo da oposición, que é o maioritario, e aos lucenses en xeral, fala ás claras de que é o realmente importante para Tomé. Resúmese en facer da Deputación un ariete contra a Xunta de Feijóo e de exercer o cargo en función do seu propio interese en relación cos conflitos no seo do PSdeG. Así o entende o portavoz popular, Javier Castiñeira.

 

O voceiro popular sinala: “O bipartito está empeñado en converter os plenos da Deputación de Lugo en plenos do Parlamento de Galicia, como o proban os asuntos que figuran na orde do día da sesión plenaria de hoxe. Novamente o goberno  PSOE-BNG centra a discusión na actividade política da Xunta de Galicia. Neste caso, nos orzamentos; unha vez máis demostrase cal é o compromiso do PP e cal o da esquerda lucense”.  Como mostra do que di, expón: “Aí están os orzamentos da Xunta, nos que os lucenses van recibir case cen millóns de euros máis que o ano pasado e, por outro lado, os orzamentos do Estado, onde se deixan abandonadas as infraestruturas importantes da nosa provincia; non é que o diga o PP, é que hai unha moción nese sentido do  Bloque Nacional Galego, que hai que lembrar que deu o seu apoio  na investidura ao Goberno de Pedro Sánchez”.

 

Castiñeira avisa antes do inicio da sesión plenaria: “Saberemos tamén cal é o compromiso do goberno da Deputación cos lucenses, cos  67 concellos da provincia, porque o PP pide nunha moción algo que consideramos moi importante para os nosos concellos e para a recuperación económica: a suba do 25% do importe do Plan Único”. Sinala: “Non é un capricho do PP; foi unha promesa de investidura do  goberno da Deputación de Lugo, subir o 25% neste mandato. Veremos se cumpre os seus compromisos ou se vive máis da propaganda e dos slogans  que dos feitos. De momento, feitos moi poucos, propaganda moita, todos os días e durante todoso0s plenos”.