Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular convida aos mozos e mozas a participar no ‘Outono Xove’ da Xunta de Galicia que tamén se desenvolve no Campamento A Devesa

O Campamento A Devesa acolle entre outubro e decembro actividades de fin de semana para mozos e mozas de entre 14 e 30 anos – divididos en tramos de 14 a 17 anos e de 18 a 30- dentro do programa ‘Outono Xove’ da Xunta de Galicia. Concretamente, neste campamento ribadense desenvólvense actividades relacionadas co mar e a cultura na Mariña.

 

A coordinadora de Educación e Cultura do Grupo Municipal Popular, Begoña Sanjurjo explica que “tiñamos relacionados os campamentos co verán, pero grazas a esta iniciativa cobrarán vida no outono ofrecendo aos mozos e mozas distintas actividades relacionadas coa natureza, o deporte e outras actividades de lecer”.

 

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo convida, polo tanto, aos mozos e mozas a participar nesta iniciativa porque “os campamentos teñen moitos beneficios para a rapazada comezando polo seu desenvolvemento, a intelixencia emocional, as habilidades sociais e tamén a capacidade de empatía; sempre dentro dun ambiente de lecer”, segundo manifesta Sanjurjo.

 

O responsable de Deportes e Xuventude, Tito Suárez, engade que “estas actividades fomentan o deporte a través de distintas disciplinas que lles permitirá aos participantes desfrutar da súa favorita ou descubrir outras novas”.

 

Os interesados poden inscribirse a través da web da Xunta www.xuventude.net. O custe da cota é de 25 euros (incluíndo aloxamento e manutención) e ofreceranse descontos do 25% -18,75 euros- para membros de familias numerosas, monoparentais ou titular dun carné xove activado.

 

Instalacións abertas ás asociacións

Os populares lembran que “a Xunta pon a disposición das asociacións da zona as instalacións deste albergue xuvenil durante todo o ano; xa sexa para realizar actividades regulares coma adestramento de disciplinas deportivas ou para actividades ocasionais promovidas por algunha asociación”