Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “A inversión da Xunta para Ribadeo no ano 2022 será de 2,3 millóns de euros”

O deputado autonómico e voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca a achega de 2,3 millóns de euros que recollen os orzamentos da Xunta para Ribadeo na vindeira anualidade.

 

O popular salienta que “estes orzamentos van garantir obras tan importantes para Ribadeo como é a reforma integral do hospital asilo” porque “falta por coñecer a cantidade exacta á que ascende a herdanza do doutor Moreda, pero coa aportación da Xunta de Galicia garántese a reforma tan necesaria para este centro”.

 

“As contas do Goberno galego recollen tamén inversión para a reforma do albergue de peregrinos e o seu entorno; pero Ribadeo tamén se beneficiará da estratexia de turismo do Xacobeo 21-22 e de fondos para a promoción turística do noso municipio e o desenvolvemento de eventos culturais que redundarán positivamente na economía local”, manifesta o popular. En relación ao porto ribadense, explica que “os orzamentos contemplan investimento para a súa dragaxe”.

 

Vega engade que “as contas do Goberno que preside Feijóo permitirán tamén investir nos cascos históricos de Ribadeo e Rinlo achegando ao Concello orzamento para arranxar as infraestruturas necesarias nestas zonas e, ao mesmo tempo, a Xunta continuará a aportar axudas directas ás familias para que arranxen as súas casas”. O Grupo Municipal Popular defende tamén investimentos para o rural para dotar ás parroquias de infraestruturas.

 

O voceiro do Grupo Municipal Popular pon en valor, ademais dos proxectos que contarán con financiamento da Xunta no vindeiro ano 2022, os que se están a desenvolver nestes momentos en Ribadeo e que suman un orzamento de 1,2 millóns de euros. “Estas aportacións repercuten nos ribadenses a través da reforma do colexio público Gregorio Sanz -con 1 millón de euros- e da escola infantil -con 70.000 euros de investimento- ou coas actuacións de mellora no santuario da Virxe das Virtudes situado a carón do Camiño Norte e para a conservación das súas importantes pinturas murais -grazas a unha achega de 183.000 euros-.

 

Vega reivindica, polo tanto, que “a xestión do Grupo Municipal Popular ante a Xunta permite liderar a inversión en Ribadeo fronte a un goberno local do BNG nunha sesta permanente”. O voceiro popular engade que “traballamos para xestionar moito orzamento para mellorar o noso Ribadeo día a día. Continuaremos traballando por e para a vila de Ribadeo”, conclúe.