Partido Popular de Lugo

“O PSOE está deslexitimado para criticar os orzamentos da Xunta porque representa ao proxecto político que máis dano intenta facer á provincia”, segundo o PP

O PP da provincia de Lugo lembra que “os Orzamentos do Goberno galego son os máis altos da historia e incrementa 67 millóns de euros con respecto ao ano pasado na nosa provincia, á que volven destinar o maior gasto por habitante de Galicia (4.926 euros per cápita)”. Ademais, defenden que “as Contas do Goberno galego se centran nas persoas, blindan os servizos públicos e apoian ás familias e traballadores reducíndolles as cargas fiscais”.

 

Os populares aseguran que “o PSOE falta á verdade na súa análise dos orzamentos da Xunta e está deslexitimado para falar de desprezos dado que representa ao proxecto político que máis dano intenta facer á provincia. Nin sequera cumpren cos acordos adoptados nas distintas institucións co seu apoio. Vemos como o Goberno de Pedro Sánchez fai oídos xordos ante os acordos sobre Alcoa, mentres o PP presentará emendas para pedir o abaratamento dos custes enerxéticos para as industrias hiperelectrointensivas. Sánchez dá as costas aos mariñáns a pesar de que incluso o presidente da Deputación se manifestaba recentemente a favor da intervención temporal de Alcoa coincidindo co que demandara o presidente da Xunta no Debate do Estado da Autonomía. Feijóo pediu tamén ao Goberno de Sánchez implicación con Vestas para evitar que os seus traballadores vaian á rúa como consecuencia das desacertadas decisións do Executivo central en materia enerxética”. Do mesmo xeito, “despreza aos gandeiros lucenses ao non escoitar as peticións para excluír ao lobo do listado de especies en réxime de protección especial que permitiría facer unha xestión ao respecto”.

 

Dende o PP provincial defenden políticas de crecemento económico e de reequilibrio territorial que favorezan o asentamento da poboación nos municipios da provincia. É por iso polo que destacan que a Xunta destine á provincia de Lugo “o maior gasto por habitante de Galicia e que avance na vertebración da provincia” -corredor Nadela-Sarria, arranxo de estradas autonómicas coma a do Eixo Begonte, Friol, Palas, a da Gañidoira ou a de Folgos do Courel-. Pola contra, condenan que “os Presupostos Xerais do Estado desatendan as necesidades en materia de infraestruturas e non melloren as comunicacións por estrada da nosa provincia: fían todo ao tren eliminando as tres variantes que permitirían reducir o tempo de viaxe entre Lugo e Ourense. Ningún avance tampouco sobre a autovía da Mariña nin para a de conexión con Ourense e aprazan a finalización da autovía a Santiago”.

 

En relación ao Porto Seco, lembran os populares que “é o Goberno central o que ten bloqueada a obra de enlace coa N-120: é un sinsentido que os socialistas pidan novos investimentos nesta plataforma loxística, cando resulta imprescindible a súa conexión coa estrada nacional”.

 

O Goberno galego está pegado á realidade

“A Xunta de Galicia cumpre cos proxectos prometidos para a provincia en materia de infraestruturas, tamén recollendo melloras sanitarias -remate do Centro Integral de Saúde da Residencia, novo centro de saúde en Antas e equipamento sanitario para os centros hospitalarios-; en materia de saneamento coas EDAR de Viveiro, Burela e Foz, por poñer algúns exemplos. Pola contra, o Goberno de Pedro Sánchez non cumpre o que promete. E non o dicimos nós, pódense comprobar os datos da Intervención Xeral do Estado que confirman que deixou sen executar na nosa Comunidade máis de 1.400 millóns de euros”. 

 

“Mentres o Goberno galego está pegado á realidade que nos toca vivir procurando a reactivación económica de Galicia, mellorando servizos e cadrando as contas ao mesmo tempo ao mesmo tempo que continúa a baixar os impostos; o Goberno do Estado hipoteca aos lucenses coa súa subida (impostos de sucesións, transmisións patrimoniais, matriculación de vehículos); ademais de afogar ás familias coa subida do diésel, a gasolina, o butano e a luz que está a afogar tamén aos autónomos e pemes. Non é o mesmo que gobernen uns que que gobernen outros. Hai outra forma de facer política”, sinalan os populares. 

 

Inciden tamén en que “os Orzamentos da Xunta inclúen o maior gasto social en materia de sanidade para infraestruturas e equipamento, tamén en educación para infraestruturas e dixitalización, políticas sociais que inclúen a gratuidade das garderías dentro da estratexia contra o reto demográfico e o incremento da aportación da Xunta para o SAF en 70 millóns ata o 2024, e emprego”.