Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular solicita ao Goberno central que desbloquee a segunda fase da conexión do Porto Seco de Monforte coa N-120

O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro solicitou hoxe no Parlamento galego ao Goberno central que “desbloquee a execución da segunda fase da conexión do Porto Seco de Monforte coa estrada N-120, de xeito que a Xunta poida executar estas obras, para as que xa ten consignada unha partida orzamentaria de 750.000 euros”.

 

Balseiro considerou “un sinsentido que os socialistas galegos pidan que a Xunta faga novos investimentos nas instalacións do Porto Seco, cando resulta imprescindible para a súa operatividade e posta en funcionamento resolver a súa conexión coa N-120”. Ademais, lembrou que o proxecto do Porto Seco xa inclúe unha plataforma intermodal para a carga e descarga de marcadorías, que ocupará unha superficie superior aos 10.000 metros cadrados.

 

PAOS NAS RODAS

 

O deputado popular lamentou que, “ata o de agora, por parte do Ministerio de Transportes todo foron paos nas rodas” para a posta en funcionamento do Porto Seco de Monforte. Así, explicou que a Xunta tivo que repetir o proxecto de trazado, a tramitación da avaliación de impacto ambiental e a redacción do proxecto construtivo para incluír unha solución compatible coa futura A-76; posteriormente, o Adif dixo que para autorizar as obras do novo viario de acceso era debe suprimirse un paso a nivel, un paso que nada ten que ver coa actuación; e, por último, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil esixe tamén o redeseño das obras de drenaxe, petición que atrasa a actuación xa que implica refacer un proxecto xa aprobado.

 

“Tres informes emitidos polo Administración Xeral do Estado, aos que hai que sumar a negativa por parte do Goberno central a investir recursos dos fondos europeos para o Porto Seco”, apuntou José Manuel Balseiro.

 

Diante desta situación, demandou aos socialistas galegos que “falen cos seus compañeiros no Goberno central e convénzalles da necesidade de desbloquear esta estrada de conexión do Porto Seco que a Xunta ten interese e orzamento para executar de inmediato”. 

 

NIN UN EURO DA DEPUTACIÓN

 

O deputado popular subliñou o compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento desta plataforma loxística de Monforte, na que leva investidos máis de 20 millóns de euros, ademais de financiar os accesos e de impulsar a conexión do Porto Seco coa N-120”. 

 

Neste sentido, e para avaliar o distinto grao de compromiso de cada administración, cuestionouse cando diñeiro está disposto a achegar o presidente da Deputación de Lugo para converter esta infraestrutura nun nó estratéxico. “Nin un só euro, e iso a pesar de que é tamén alcalde de Monforte e apoia outras áreas industriais da provincia”, aclarou.