Partido Popular de Lugo

Os senadores populares por Lugo esixen explicacións ao Goberno por deixar fóra dos Orzamentos Xerais do Estado as variantes ferroviarias previstas entre Lugo e Ourense

Á vista do contido dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 está claro que, de novo, o Goberno presidido por Pedro Sánchez discrimina á provincia de Lugo en materia de investimentos en infraestruturas. Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Lorenzo Varela, piden explicacións, mediante unha batería de preguntas, ao Goberno sobre a falta de investimentos para a mellora do ferrocarril.

 

Os senadores populares din que “os Orzamentos Xerais do Estado para 2022 volven discriminar e a agraviar á provincia de Lugo, particularmente no que á execución das infraestruturas comprometidas se refire”. Destacan que “respecto ao transporte ferroviario, o Goberno vanaglóriase dun gran investimento que, en realidade, corresponde a obras xa comprometidas e que sufriu un recorte brutal ao eliminar a execución das variantes”.

 

O PP lembra que as variantes ferroviarias tiñan que servir “para diminuír o tempo de traxecto entre Lugo e Ourense e, por conseguinte, entre a capital lucense e a capital española”. Sen as variantes, o percorrido en tren entre Lugo e Ourense seguirá durando 1 hora e 35 minutos; e entre Lugo e Madrid, unhas inaceptables catro horas e 45 minutos. Os senadores indican que “deste xeito, o Goberno central realiza unha falsa promesa de investimento, que irá destinada, salvo a electrificación parcial da vía, ao saneamento do trazado actual e a restitución das características de operatividade e seguridade da liña, que se atopaban en estado de gran abandono”.

 

Destacan os senadores populares que “o Goberno tamén se negou a levar a cabo o estudo solicitado polo Partido Popular e por gran parte das forzas vivas da sociedade lucense para saber se é viable conectar Lugo con Santiago e coa Mariña por vía ferroviaria”. Pregúntanse por que Pedro Sánchez e o seu equipo decidiron eliminar as variantes comprometidas e que acurtarían o tempo de viaxe en tren entre Lugo e Madrid”

 

Os populares queren saber cando vai chegar a Alta Velocidade á provincia de Lugo e por que o Goberno de España se nega a levar a cabo un estudo para saber se é viable conectar Lugo con Santiago e coa Mariña por ferrocarril.