“Os orzamentos da Xunta avanzan na mellora das infraestruturas e servizos sanitarios da zona sur”. Así o subliña a deputada autonómica Raquel Arias tras ter coñecemento do proxecto de contas aprobado polo executivo que preside Alberto Núñez Feijóo.
Arias subliña que “as contas do Executivo galego para a vindeira anualidade son realistas, dan continuidade aos compromisos coa nosa provincia, avanzan cara a recuperación económica e céntranse na atención ás persoas”. De feito, estes orzamentos, que son os máis elevados da historia de Galicia (11.627M€), reforzan os investimentos (2.554 M€) e recollen tamén o maior gasto social da historia: 8.660 M€ para a sanidade pública, o ensino, as políticas sociais e o emprego. A popular tamén incide en que “o Goberno galego, ademais de continuar a financiar os servizos educativos e sanitarios, recolle unha rebaixa de impostos aos galegos”.
O Goberno galego reserva inversións para executar os proxectos que ten xa anunciado e refrenda o seu compromiso coas entidades locais reforzando o financiamento local que medra en 81M€ ata acadar os 488,6 M€, “o maior incremento de recursos de toda a historia”, matiza. “Coa dotación de fondos, a Xunta dá un impulso determinante para levar a cabo distintas infraestruturas que redundarán no impulso económico e social da zona sur da provincia de Lugo; así coma na mellora de servizos aos nosos veciños”.
Concretamente, os orzamentos aprobados pola Xunta para o 2022 recollen máis de 700.000 euros para a licitación do proxecto do Plan Director do Hospital de Monforte que prevé unha remodelación integral do centro hospitalario onde tamén se realizarán obras de mellora no firme de acceso e se renovará un TAC. O goberno galego tamén dispón dunha partida de máis de 4 millóns de euros para reformas e melloras de centros de saúde da rede galega; ademais de 1,5 millóns para a renovación dos seus equipamentos.
En materia de infraestruturas, a Xunta prevé o acondicionamento da LU-651, en Folgoso do Courel, para o que reserva 1,5 millóns de euros para a vindeira anualidade que se incrementarán nos vindeiros anos ata completar os 9,5 millóns de euros de investimento para dar resposta a unha importante demanda da zona.
Ademais destas importantes achegas, as contas do executivo autonómico dispoñen de partidas orzamentarias dirixidas a actuacións concretas en materia de desenvolvemento industrial, turismo, patrimonio cultural, saneamento, prevención de incendios e dixitalización do sistema educativo. Deste xeito, os concellos da zona sur correspondentes ás comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga veranse beneficiadas de máis de 9,4 millóns de euros de investimento directo correspondente ás partidas territorializadas.
“Atrevemento” de Tomé
Censura “o atrevemento” do alcalde de Monforte de Lemos, ao criticar a implicación do Goberno galego con esta zona, xa que “están contemplados todos os proxectos, a diferenza, di, do Goberno Central, que ten pechados no Moncloa a A-76 e a A-56, por exemplo”.
“Chama a atención que o socialista cuestione as contas da Xunta e, nomeadamente, ao compañeiro Francisco Conde, cando xa vimos o resultado do compromiso de Madrid co seu Concello e coa nosa comarca. Para as principais infraestruturas 0 euros e, ante este resultado, o señor Tomé e os seus compañeiros da provincia deron a calada por resposta”. Por este motivo, Raquel Arias convida ao rexedor a “pensar e a analizar antes o que di porque criticar sempre á Xunta só porque estea gobernada polo Partido Popular non sempre é o máis acertado nin politicamente, nin dende o punto de vista institucional”.
Reequilibrio territorial e maior gasto por habitante
Arias tamén recordou que este proxecto de Orzamentos incide no reequilibrio territorial cun maior gasto por habitante nas provincias do interior. De feito, “a provincia de Lugo volve ter o maior investimento por habitante de Galicia”; xa que “o Goberno galego destina 4.926 euros por cada lucense”.