Partido Popular de Lugo

Os deputados populares subliñan que os orzamentos da Xunta “poñen no centro a sanidade, a educación e a política social”

Os deputados populares da zona centro da provincia -Ramón Carballo, Cristina Sanz, Encarna Amigo e Sandra Vázquez- subliñan que “os orzamentos da Xunta para o 2022 cumpren cos compromisos adquiridos polo Goberno galego coa provincia, avanzan cara a recuperación económica e céntranse nas persoas. Non en van, o gasto social – o dirixido á sanidade pública, o ensino, as políticas sociais e o emprego- supón 7 de cada 10 euros dos orzamentos da Xunta para o vindeiro exercicio 2022, puntualizan.

 

“Unha vez máis, os orzamentos da Xunta poñen no centro a sanidade, a educación e a política social (gratuidade para a atención aos nenos de 0 a 3 anos). Concretamente, Lugo sae beneficiado das contas autonómicas tanto nas aportacións para os centros de saúde coma para os centros hospitalarios”, segundo especificou Encarga Amigo.

 

A popular subliñou o investimento en tecnoloxía e equipamento sanitario que permitirá dotar ao Hula dunha nova gammacámara, un novo equipo de braquiterapia, un novo equipo de anxiografía neurorradiolóxica e dun equipo de tomografía por emisión de positróns (PET) que será o primeiro que se instale na nosa provincia”. Amigo tamén sinalou que a Xunta dirixirá orzamento para a incorporación dunha nova resonancia magnética no Hospital da Mariña e a renovación dun TAC neste centro e doutro no Hospital de Monforte.

 

A Xunta consigna importantes cantidades dirixidas á Atención Primaria. É o caso dos “preto de 7M€ para a finalización do novo centro integral de saúde do barrio da Residencia, na cidade de Lugo”; así coma destacadas partidas para outros centros da zona centro da provincia coma os de Antas de Ulla e Meira. Así mesmo, as contas do executivo autonómico prevén investimentos para a remodelación de centros de coidados (Antas de Ulla, Portomarín, Rábade…).

 

“Vertebración da provincia”

“O Goberno galego continúa a amosar o seu compromiso coa vertebración da provincia e prevé unha aportación de 7,93M€ para a conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria”, segundo os populares. Así mesmo, en materia de infraestruturas tamén subliñan o acondicionamento da LU-232 (eixo Begonte-Friol-Palas) e da LU-113 (Castro de Rei); ademais da consignación de fondos para a mobilidade sostible e o programa de construción de sendas. Neste mesmo sentido, a Xunta prevé actuacións no abastecemento de auga nos municipios de Castro de Rei e Portomarín e para a mellora do saneamento nos de Friol e Monterroso, a onde dirixe 2,13M€ para a primeira fase do proxecto.

 

O proxecto de Orzamentos que o Executivo de Feijóo entregou no Parlamento recolle partidas importantes para a dotación de medios nos centros escolares, a dixitalización do sistema educativo e a mellora de infraestruturas en Portomarín e Begonte. E os municipios da zona centro da provincia de Lugo tamén se verán beneficiados de importantes achegas da Xunta en materia de turismo, cultura, conservación do patrimonio e, especialmente, para o desenvolvemento da potencialidade do Camiño de Santiago. Algúns exemplos atopámolos nas partidas reservadas para a mellora de albergues en Abadín, A Fonsagrada, Outeiro de Rei, Palas de Rei e Portomarín.

 

A Xunta tamén reserva fondos para actuacións concretas de cara ao desenvolvemento do medio rural. Por unha banda, dirixirá recursos para a recuperación de sistemas pastorís, infraestruturas silvícolas e mellora xenética, prevención de incendios e recuperación de zonas afectadas polos lumes e, por outra, aposta por mellorar o servizos aos veciños con melloras nas oficinas agrarias comarcais (A Fonsagrada, Friol…).

 

Apoio ás familias e redución de impostos

Os populares poñen en valor que se trata dos presupostos “máis altos da historia de Galicia, unhas contas realistas coas que financiar os proxectos xa comprometidos” e que, ademais, “apoian ás familias e reducen os impostos autonómicos aos lucenses”. Así mesmo, lembran que “a provincia de Lugo volve ter o maior investimento por habitante de Galicia: 4.926 euros por cada lucense”.