Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular demandará no Pleno ao Goberno central que se implique na mesa industrial polo futuro da fábrica de Vestas en Viveiro

O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España participe e se implique na mesa industrial, xunto coa Xunta, a representación dos traballadores e a empresa, para identificar posibles alternativas que permitan un futuro para os traballadores da fábrica de Vestas en Viveiro. Así mesmo, pedirá que o Goberno central demande, diante da Unión Europea e da Organización Mundial do Comercio, que se free a proposta de prohibir as subvencións á compra ou a cubrir os custos de combustible da frota pesqueira.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que o vindeiro martes, e con anterioridade á celebración do Pleno ordinario, terá lugar unha sesión plenaria extraordinaria para a designación do senador en representación da Comunidade autónoma que supla a Jesús Vázquez.

 

Respecto do Pleno ordinario, o Grupo Popular demandará medidas de apoio urxentes e acompañamento aos traballadores afectados polo ERE da empresa Vestas de Viveiro. Neste sentido, solicitará ao Goberno central que participe e se implique na mesa industrial para buscar unha saída aos problemas desta empresa, así como que cambie de actitude e aposte realmente por unha transición enerxética xusta e compatible co mantemento da actividade industrial que se está a ver altamente impactada pola actual estratexia enerxética que provoca o desmantelamento de empresas vinculadas a este sector.

 

Así mesmo, a proposición non de lei do Grupo Popular reclama o apoio do Parlamento galego á promoción de todas aquelas iniciativas no ámbito das enerxías renovables que conten coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais, fronte aos intentos de estigmatización deste sector, que provoca un impacto no seu desenvolvemento e na actividade empresarial e industrial asociada á produción de enerxía eólica, como é o caso da fábrica de Vestas.

 

En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará ao Goberno central a través doutra proposición non de lei que demande diante da Unión Europea e a Organización Mundial do Comercio a paralización da proposta de prohibir  as subvencións á compra ou a cubrir os custos de combustible da frota pesqueira.

 

“A pesca galega compre toda a normativa europea, respecta as cotas, non practica a sobrepesca, nin ten nada que ver coa sobreexplotación dos recursos pesqueiros”, asegurou Pedro Puy, polo que afirmou que a eliminación xeneralizada do combustible bonificado “é unha medida cando menos inxusta, xa que cargaría de novo un esforzo sobre a frota galega, que practica unha pesca responsable e sustentable en todos os mares”.

 

No apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas partidas destinadas nos orzamentos xerais do Estado para 2022 a infraestruturas viarias e ferroviarias en Galicia. “Botamos de menos algúns investimentos como a autovía Vigo-Porriño, que só conta con 100.000 euros; apenas ten fondos a autovía Ponferrada-O Barco; non se fala da saída sur do tren de Vigo; o tren A Coruña-Ferrol ten 17.000 euros; ou a extensión das peaxes da AP-9 á AP-53”, apuntou.

 

O Grupo Popular tamén se interesará polo impacto que ten a estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia en cada un dos eixos nos que actúa.