Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “O goberno do BNG é o responsable de que o polígono de Ribadeo estea morto”

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, considera que “o goberno do BNG é o responsable de que o polígono de Ribadeo estea morto”.

 

O popular sinala que “non chega con enviar unha carta para loitar para que a empresa Altri instale en Ribadeo a súa fábrica de fibras téxtiles”. Así o manifesta o popular tralo anuncio do alcalde recordando que “dende o noso Grupo Municipal fai xa unha semana que advertíamos de que o polígono de Ribadeo conta con espazo dispoñible para o asentamento desta e doutras empresas e agardabamos que o goberno local estivese facendo xestións”.

 

“Agora sabemos que enviou unha carta, algo moi típico deste goberno; pero non concreta ningunha medida nin xestión”, condena o popular. A este respecto, reivindica medidas fiscais coma a rebaixa de impostos municipais (IBI, IAE…) e xestións por parte do goberno local ante a SEPES -Entidade Pública Empresarial do Solo dependente do Goberno de España- para rebaixar o prezo do solo.

 

Estas foron algunhas das iniciativas que os populares levan esixindo dende o comezo do mandato para favorecer o asentamento de empresas no municipio e que, incluso, reivindicaron con maior forza como medida para a reactivación do tecido económico local trala pandemia da covid-19. Esta era unha das medidas que o Grupo Municipal Popular incluía na súa proposta de plan local de reactivación para o que solicitaron un pleno extraordinario o ano pasado e que o BNG rexeitou.

 

“Estas son medidas concretas, o resto son contos”, censura Vega incidindo na necesidade dunha “xestión seria para que esta ou outras empresas se instalen no polígono de Ribadeo. De momento temos parcelas, temos polígono; pero industrial de momento non é”, conclúe.