O Partido Popular da provincia de Lugo destaca o gran traballo a prol de Portomarín realizado por Juan Serrano que vén de rexistrar a súa renuncia ao cargo. A presidenta, Elena Candia, trasladou o seu agradecemento en nome de todo o Partido Popular lucense: “a política son ciclos e dende o PP lucense respectamos a decisión persoal de Serrano de abandonar a alcaldía, tal e como tiña anunciado”.
A propia Candia avanzara durante o 18º Congreso provincial cambios nas alcaldías facendo referencia a esta decisión que Serrano lle tiña trasladado. “É un punto e seguido porque Juan Serrano seguirá formando parte do noso partido”. Así mesmo, a popular trasladoulle “os nosos mellores desexos para esta nova etapa e o maior éxito tanto no persoal coma no profesional”.
O Partido Popular da provincia subliña a súa importante pegada no desenvolvemento e impulso do municipio tras 10 anos como rexedor nos que tamén logrou a mellora das condicións de vida dos seus veciños: “Serrano é un exemplo de alcalde transformador cun compromiso xeneroso sempre co noso proxecto político”, subliña a presidenta.
Candia agradécelle a Pablo Rivas “o seu compromiso con Portomarín como ten demostrado á fronte da tenencia de alcaldía” e trasládalle o apoio do Partido Popular da provincia de Lugo para seguir “traballando por Portomarín”.