Tito Suárez destaca o gran esforzo que realizan os colectivos e entidades deportivas para poder financiar unha temporada a través de distintas iniciativas; mentres “este goberno falto de ideas e de traballo, só lles envía requirimentos, ameazas e coaccións”.
O coordinador popular de deportes en Ribadeo condena que sexa o goberno local do BNG o que se pon as medallas cando son as asociacións e entidades deportivas as que fan o traballo. Así o manifestou poñendo un exemplo real dunha entidade deportiva da vila que tivo a idea de organizar a actuación dunha cantante para contribuír a financiar a súa actividade deportiva ao longo da temporada co recadado pola actuación.
“Con ese obxectivo, solicitou o uso do auditorio municipal Hernán Naval; pero a axuda que lle brinda o goberno local é a seguinte: ou se pon nos carteis como organizador ou a entidade deportiva terá que abonar 500 euros de taxa para a utilización dunha instalación municipal para este evento”, segundo expón o popular.
Tendo en conta que o obxectivo é precisamente o de conseguir financiamento para a súa actividade, Tito Suárez pregúntalle ao alcalde do BNG “como pretende que as entidades deportivas financien a súa actividade se o goberno local lles debe o diñeiro de subvencións de anos anteriores e, encima, cando traballan en iniciativas para conseguir financiamento, lles cobra por desenvolvelas ou intenta apropiarse delas”.
O popular lamenta este comportamento “ditatorial” do goberno do señor Suárez: “se as ideas parten dos colectivos, ou sae o goberno local como organizador ou cobran canon polas ideas”.
Colaboración do Grupo Municipal e da Xunta
O coordinador popular de deportes condena tamén que o señor Suárez tache de “pírricas ou caxigaliñas” as axudas da Xunta e, aínda por riba, “non deixe liberdade ás asociacións para recibir esas aportacións metendo medo aos veciños e coaccionándoos”.
Tito Suárez explica que “este goberno e o señor Suárez teñen a máxima de ou estás comigo ou estás contra min, como xa temos denunciado noutras ocasións”.
“Pola contra, dende o Grupo Municipal Popular seguiremos traballando máis alá das mesquindades deste goberno do BNG, seguimos abertos a colaborar con todas as entidades deportivas que o precisen e a apoiar as súas ideas e iniciativas”, conclúe.