Partido Popular de Lugo

O PP de Xermade esixe melloras na xestión do abastecemento de auga ante as súas “deficiencias”

Os populares de Xermade esixiranlle ao goberno local no pleno ordinario do vindeiro xoves melloras na xestión do abastecemento de auga ante as “deficiencias” e “situacións de perigo sanitario derivado da falta de mantemento das instalacións, mananciais, traídas, depósitos e fase de tratamento”. A este respecto, pedirán “vixiar e manter o estado de funcionamento das instalacións municipais destinadas ao abastecemento de auga”, como xa teñen demandado noutras ocasións.

 

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular trasladarán tamén a súa petición para que “o Concello xestione e tramite con axilidade e transparencia as altas no abastecemento de auga”; xa que “existen varias solicitudes de alta que tardan en resolverse”. Nese sentido, cren que “debe coñecerse a forma de xestionar as altas, o tempo de espera, os requisitos para tramitala e a entidade pública ou privada que se encarga dos traballos”.

 

Os populares consideran tamén que se deben “analizar o consumo real dos abonados previamente á emisión dos cargos nas contas bancarias”. Así o sinalan tras ter coñecemento de “varios casos en que se fan cargos nas contas bancarias dos abonados que non se corresponden co consumo real que teñen as familias e as explotacións gandeiras”. Neste sentido, dende o Grupo Municipal Popular reivindican “coñecer como se fan as lecturas, o estado dos contadores e  da instalación” porque “non parece razoable que se emitan recibos de 500 ou 600 euros sen asegurarse de que esa vivenda ou explotación ten ese consumo real ou se tivo un consumo extraordinario no período correspondente”.

 

Deficiencias en Momán coa auga e o alumeado público

Os populares denuncian tamén que “en datas recentes houbo cortes de auga no abastecemento de Momán, sen xustificación ou aparente escaseza de auga, situación que causa prexuízo aos usuarios”.

 

En relación a outra deficiencia que prexudica aos veciños de Momán, o Grupo Municipal Popular reivindicará no vindeiro pleno solucións para que o alumeado público funcione con normalidade no núcleo do Campo da Feira e das vivendas da súa contorna.

 

“O alumeado público deixa de funcionar cada dous por tres nas horas de maior necesidade. Non é algo circunstancial; senón que se repite en numerosas ocasións e o equipo de goberno ten xa constancia deste problema”, sinalan.

 

É por iso polo que preguntarán ao goberno local se ten previsto acometer o arranxo na instalación de alumeado no Campo da Feira de Momán “para evitar que nas primeiras horas da noite se quede a poboación a escuras”.