Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “O BNG négase a colaborar coas asociacións impedindo que a Xunta invista nos centros sociais”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, remarcou, durante a sesión extraordinaria celebrada este mércores a petición dos populares para resolver a situación do arranxo das escolas das parroquias de Rinlo, Vilaselán e Cubelas que “o goberno do BNG non inviste un euro e, ademais, impide que a Xunta achegue orzamento para Ribadeo”.

 

“Os colectivos solicitaron en xaneiro unha subvención á Xunta para mellorar os centros sociais que o goberno local tiña abandonados completamente porque non investiu nin un euro en 14 anos. As asociacións fixeron o traballo e a Xunta ingresou xa a contía das axudas, pero o goberno do BNG non lles concede o permiso de obra para comezar as actuacións”, explica o popular. Isto pode supoñer a perda das subvencións, segundo advirte Vega.

 

O voceiro do Grupo Municipal Popular aclara que  “a asociación de Rinlo cumpriu escrupulosamente as bases das axudas publicadas no DOG” e considera “sorprendente que un alcalde diga que non a orzamento para o municipio” e, máis concretamente, “a orzamento para arranxar as escolas”. A este respecto, recorda que “a de Cubelas está sen ventás, en Rinlo chove dentro e en Vilaselán tamén precisan arranxar a cuberta”.

 

Vega acusa ao goberno local do BNG de “sectarismo político” por “asinar convenios coa Deputación Provincial onde goberna o BNG co PSOE: coa Deputación si, pero coa Xunta non”. Desta forma queda claro que “o discurso do BNG de que a Xunta non inviste en Ribadeo é mentira: o goberno do BNG quere que a Xunta non invista”.

 

O Grupo Municipal Popular seguirá reivindicando que as asociacións pidan axudas á Xunta para mellorar os seus locais e para levar a cabo eventos lúdicos e culturais que tamén favorece a calidade de vida no noso rural”.

 

Outros asuntos

Noutra orde asuntos, e no marco xa da sesión ordinaria, os populares apoiaron “por responsabilidade e por compromiso con Ribadeo”, as mocións relacionadas co Plan Rexurbe e co expediente de modificación do ARI que permitirá seguir  ampliando a zona. “Cremos e defendemos todas aquelas iniciativas destinadas a poñer en valor o noso casco histórico”, afirmou o voceiro. Nese sentido, a Xunta seguirá aportando orzamento para a conservación dos cascos históricos de Ribadeo e Rinlo aos que leva dirixido 2,15 millóns de euros para a súa conservación.

 

Os populares amosaron o seu apoio aos traballadores de Vestas. “Non podemos entender como o Goberno de Pedro Sánchez ataca en tan pouco tempo a tantas industrias e, polo tanto, a tantos traballadores da nosa comarca. A situación de Alcoa e, agora, de Vestas débese á política enerxética do Goberno do PSOE”.

 

Tamén apoiaron os populares ao sector gandeiro a través dunha iniciativa para instar ao Goberno central a que dea marcha atrás na declaración do lobo como especie protexida porque “a súa expansión supón un ataque aos animais das explotacións da nosa comarca. Non podemos entender que o BNG vote en contra dunha proposta que o único que pide é respaldo para os gandeiros. O BNG está máis preocupado en apoiar ao Goberno socialista que aos gandeiros. Son moi nacionalistas, pero cando o PSOE lles recorda que cogobernan nas institucións: la nómina es la nómina”.

 

O Grupo Municipal Popular tamén votou a favor da proposta do goberno de dotar dun aparcadoiro ao núcleo de Rinlo, advertindo que este proceso “debe facerse dende o consenso e o diálogo cos veciños”.

 

Os populares trasladaron ao pleno a súa preocupación pola abandono da Casa das Algas, o Forte de San Damián e a Casa da Ría e reclamaron o seu arranxo ante “a pasividade do goberno local: vive moi ben nesa sesta permanente. Iso si, envía moitas cartas ás distintas institucións non sabemos moi ben para que porque as instalacións municipais seguen abandonadas”, condena.

 

Tamén advertiron do estado de abandono das rúas peonís de Ribadeo criticando ao goberno local por non actuar; xa que “prexudica ao comercio e tamén ao turismo. Ribadeo é moi bonito, pero hai que traballar e investir para conservalo”.

 

Sobre a falta de control e vixilancia ás horas de entrada e saída do alumnado dos centros públicos de ensinanza, o Grupo Municipal Popular instou ao goberno local a que actúe de inmediato para que a Policía Local estea presente neses puntos.

 

Vega lamenta que “o goberno local do BNG diga que neste momento non se podía arranxar a falta de alumeado na carretera do Faro a pesar das múltiples caídas que se rexistran na zona. Unhas respostas absolutamente banais”, condena.

 

A mellora das estradas do rural e das rúas de Ribadeo foron outro dos asuntos que o Grupo Municipal Popular reivindicou no pleno ordinario. “Alza San Lázaro, o barrio San Miguel e o barrio da Pega están totalmente abandonados. Falamos cos veciños e aos tres días o goberno local di que vai investir, pero non concreta un orzamento nin actuacións específicas”.

 

Outra das melloras que reivindicaron os populares foi a mellora da praia do Cargadeiro, ao que “o goberno local respondeu dicindo que agora é inverno. Hai que ser moi pouco serio para que un goberno municipal que ten tres dedicacións exclusivas banalice coas súas respostas; cando nós traballamos polo ben dos veciños e por mellorar cada día o noso Ribadeo”, conclúe.