O PP da provincia de Lugo lémbralle aos socialistas que “é o Goberno do PSOE o que está a protexer ao lobo antes que aos gandeiros”. Os populares explican, ademais, que “a Xunta xa está a intervir na defensa dos gandeiros e dos veciños da Mariña e doutras comarcas afectadas na provincia polos numerosos ataques do lobo”. Polo tanto, cren que “o PSOE ten moita cara” ao “esixir á Xunta o que non lle esixen ao Goberno de Sánchez que vén de incluír ao lobo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (LERPE) a pesar de contar coa oposición da Xunta e doutras comunidades lobeiras”.
O PP chama aos socialistas lucenses a “ser consecuentes” e, “se de verdade queren apoiar aos gandeiros, sumarse á ofensiva da Xunta e das comunidades do Cantábrico que veñen de recorrer ante os tribunais a protección que o Goberno de Pedro Sánchez dá ao lobo”.
Explican tamén dende o Partido Popular da provincia de Lugo que, trala aprobación da orde ministerial, “a potestade das Comunidades Autónomas e os seus plans de xestión decaen en favor do Ministerio, que foi quen quixo ter esa competencia e quen debe solventar os posibles danos que cause o lobo”.
Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León presentaron un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional e solicitaron a suspensión cautelar da orde ata sentenza firme dos tribunais por estar repleta de incoherencias coma a falta de motivación científica, as dúbidas sobre a tese que di que o censo ao norte do Douro non se vai incrementar, que contempla unha previsión económica de só 25.000 euros e que entrou en vigor sen período transitorio.
Os socialistas poñen a Sánchez por riba dos lucenses
A posición do PSOE en Lugo causa sorpresa, frustración e indignación porque, unha vez máis, e hai outros moitos exemplos dabondo nesta comarca -como ante a crise de Alcoa, Ence ou Vestas-, están do lado da Moncloa cando dá as costas reiteradamente á Mariña e aos galegos.