Partido Popular de Lugo

O PP di que “os abusos de Tomé” demostran que está no “bo camiño” no seu traballo de oposición na Deputación e denuncian que a calidade democrática “vai a menos” na institución

A medida que avanza o mandato, queda máis claro cal é o verdadeiro talante do presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, que, no exercicio do cargo e na súa maneira de entender a política, entronca historicamente cos persoeiros do seu partido menos afeccionados ás prácticas democráticas. As súa actitude na relación co grupo máis numeroso da corporación provincial, o PP, fai pensar ao seu portavoz, Javier Castiñeira, que “os continuos abusos de Tomé indican que imos polo bo camiño, porque xa non lle basta con vetarnos a entrada en edificios oficiais, senón que agora intensifica a presión  nos órganos da institución”. Indica así que “a actitude do presidente no pleno de onte é outro  exemplo do atropelo democrático  que está a vivir o grupo provincial popular a pesares de ser o máis representativo da provincia; son unha nova volta de rosca nas presións do señor Tomé cara unha oposición que o único que tenta é facer uso da súa representación democrática dentro desta institución”.

 

Castiñeira alude ao control dos tempos das intervencións ao longo da sesión plenaria. “O cronómetro de Tomé párase segundo lle interesa. Mentres que para a oposición se aplica un rigorosísimo tempo de intervención, para os seus compañeiros de bancada o tempo engadido non é un problema; se non o satisfai moito o que argumentan os seus voceiros, o propio Tomé se toma o tempo que desexa para corrixilos”.

 

O portavoz popular sinala: “Onte o propio Tomé, por falta de recursos políticos, converteu o pleno nun auténtico monólogo do goberno, de maneira que por unha intervención do partido popular houbo tres intervencións do bipartito, as dúas dos voceiros máis a corrección sen límite de tempo do señor Tomé. Polo contrario, na quenda de preguntas da oposición as largas intervencións do bipartito convértense  en silencios para o próximo pleno ou en respostas absurdas que nada aclaran”.

 

E que dicir, apunta Castiñeira, da actitude do presidente por ter perdido o asunto da residencia de Sarria; nun alarde de “humildade democrática” deixou caer que tanto lle ten o que decida o pleno, porque el fará o que crea preciso.

 

Castiñeira di: “En definitiva, a calidade democrática na Deputación de Lugo vai a menos por dous factores importantes: primeiro, polo narcisismo enfermizo do señor presidente, e, segundo, porque o bo traballo da oposición non se contrarresta cun bo traballo do goberno senón con uso do poder e tratando de someter ao que opina diferente. O señor Tomé é o claro exemplo deses iluminados que pensan que teñen máis luz se apagan a do lado”