Partido Popular de Lugo

Katy Varela denuncia o “nulo” interese do alcalde para homologar as pistas de atletismo

A voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte, Katy Varela, denuncia o “nulo” interese do alcalde para homologar as pistas de atletismo. Deste xeito, a popular critica que o rexedor” poña como “escusa” que nunca recibiu a solicitude da Federación de Atletismo, cando “o primeiro paso debe inicialo o Concello”, defende.

 

Por outra banda, e sobre o custo deste proceso, Varela asegura que Tomé Roca mentiu, ao indicar que este gasto podería ascender aos 700.000 euros. “Nada máis lonxe da realidade, pois tras consultar fontes próximas á propia Federación, o valor estaría por debaixo da metade e ata incluso podería pedir a colaboración da Xunta de Galicia; cousa que non fai”, remarca.

 

“A falta de consideración” do rexedor sobre este asunto chega a tal punto que, segundo detalla a popular, “incluso se atreve a dicir que a entidade local está a realizar un esforzo inversor nas instalacións deportivas, pero, pola contra, non é capaz de explicar en cales, porque a verdade é que non fixo nada”.

 

 

Neste senso, Katy Varela destaca que, dende que Tomé Roca está na Alcaldía, “non foi capaz de poñerse en contacto co Goberno galego para asinar convenios de mellora das instalacións”. De feito, subraia que as únicas actuacións realizadas nesta materia foron grazas á administración autonómica. É o caso, do convenio asinado para a instalación do marcador no estadio da Pinguela.

 

“Que non lle quiten o protagonismo”

Dedúcese así, sinala a popular, que “o Sr. Tomé minte” e faino porque, engade, “non quere colaborar con outras administracións e entidades simplemente para que non lle quiten o protagonismo”. “O certo é que perdemos unha oportunidade única de motivar o impulso demográfico e a economía da cidade”, conclúe.