Partido Popular de Lugo

Castiñeira: “Espero que o presidente Tomé cumpra os acordos do pleno por iniciativa do PP e integre a residencia de Sarria na rede provincial e inste ao Goberno a baixar a factura da luz”

A sesión plenaria celebrada pola corporación provincial de Lugo na mañá de hoxe puxo de manifesto que para os grupos que integran o goberno da Deputación (PSOE e BNG) o máis importante é o uso da institución como ariete fronte á Xunta. Tamén de novo quedou en evidencia que o talante do presidente da Deputación, o socialista José Tomé, é facilmente mellorable en todo o que ten que ver coa participación da oposición. O portavoz popular, Javier Castiñeira, dixo ao final da sesión: “A pesar do trato discriminatorio dado ao PP polo presidente da Deputación de Lugo, tanto nas intervencións como nas súas propias accións, os populares saímos contentos da sesión plenaria porque  aprobamos as dúas mocións que presentamos”. Espera que Tomé cumpra os acordos do pleno.

 

Castiñeira explica: “A primeira das nosas mocións aprobadas, coa abstención de socialistas e nacionalistas  e  os votos a favor do PP, ten por obxectivo instar ao Goberno do Estado a que cambie de estratexia enerxética, para baixar o recibo da luz, tan importante  para as nosas empresas, os nosos veciños e os nosos concellos”.

 

O portavoz popular destacou que, “por outro lado, aprobamos unha moción na que o PP insta a que a Deputación integre na súa rede a residencia de maiores de Sarria; neste caso o PP votou a favor, o BNG abstívose e votaron en contra os deputados do PSOE”.

 

Á vista da actitude do presidente da Deputación e dalgún dos comentarios que fixo, Castiñeira sinala: “Esperamos que o señor presidente cumpra o que o pleno lle está establecendo e non como deu a imaxe no día de hoxe no que parece que di que aquí apróbese o que se queira que despois fago eu o que me apetece”