Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno de Foz a sentarse a traballar con Felipe Sánchez, a AMPA e os grupos políticos para dar solución á grave crise que vive a Escola de Música

A Escola de Música de Foz pasa por momentos moi difíciles, como consecuencia da mala xestión levada a cabo polo goberno municipal. A presentación da dimisión por parte do seu director, Felipe Sánchez, agrava ata o extremo os problemas que se viven neste centro. O Partido Popular de Foz considera “inaceptable a actual situación da Escola de Música de Foz, polo que se o equipo municipal de goberno non é capaz de resolvela, debe dimitir”. 

 

O portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Evidentemente este é un problema de índole maior; é a peor crise que está a vivir a escola de música de Foz, no peor momento, dende que foi fundada por  Manuel María Neira e Arcadio Mon. Son precisamente os valores de Arcadio Mon os que se están vendo vulnerados a día de hoxe polo equipo de goberno, que intenta botar a culpa aos traballadores cando realmente a culpa a ten a súa inacción”.

 

Castiñeira lembra que “a Escola de Música foi medrando nos últimos anos, non só en número de alumnos e de horas lectivas, senón  tamén en espazo. Agora hai que tomar decisións”. Insta “ao goberno municipal a que inmediatamente  se sente a traballar tanto con Felipe Sánchez como coa AMPA da Escola de Música e co resto de grupos dos partidos políticos. Hai máis solucións; el xa o sabe e nós xa llas dixemos”. 

 

O portavoz popular ten claro que “a solución non pasa porque Felipe Sánchez renuncie a ser director da Escola; en todo caso, se alguén debe dimitir, debe renunciar é o equipo de goberno, por non dar solucionado un problema tan grande como o que ten a día de hoxe a Escola de Música”.