O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca “a aposta da Xunta pola formación para o emprego” e, concretamente, pon en valor a achega de máis de 1,4 millóns de euros para o desenvolvemento de catro obradoiros en Ribadeo: dous que veñen de rematar, un obradoiro xuvenil que xa se está a desenvolver e un novo obradoiro dual que se iniciará nos próximos días.
Vega subliña que “a Xunta de Galicia está a realizar un traballo moi importante na nosa vila aportando orzamento para a formación das persoas que buscan emprego e, polo tanto, ofrecendo máis oportunidades laborais aos nosos veciños, que é algo realmente importante para o futuro do noso pobo”. Nese sentido, “estamos traballando en colaboración cos centros educativos para incorporar novos ciclos de formación”.
O obradoiro dual #RibadeoXCamiño versou sobre o Camiño Norte de Santiago e contou cunha achega da Xunta de 346.000 euros para a formación de 20 alumnos-traballadores que contaron cun director, un monitor e outras dúas persoas monitoras de turismo. “Os participantes estiveron traballando en proxectos audiovisuais multimedia cos que poñer en valor a pegada histórica do Camiño Norte ao seu paso polo municipio e, polo tanto, poñer en valor o patrimonio arquitectónico e cultural que rodean o Camiño Norte e tamén o termo municipal de Ribadeo”, subliña o voceiro do Grupo Municipal Popular.
“Tamén financiou a Xunta unha oficina de información ao peregrino e puxo en valor o santuario da Nosa Señora das Virtudes, na parroquia de Arante, onde comezarán nas próximas datas as obras para rehabilitar o santuario cunha inversión de 184.000 euros”, engade.
O obradoiro xuvenil Vencellos da Memoria recibiu un total de 369.000 euros da Xunta para a formación de 16 mozos e mozas de Ribadeo e Barreiros que, ademais de mellorar a súa empregabilidade, permitiu “poñer en valor e organizar a documentación do arquivo municipal que agora está identificada e posta ao servizo dos historiadores e tamén dos ribadenses”, segundo indica o popular.
Vega explica que “a Xunta achega outros 369.000 euros para outro obradoiro xuvenil” compartido entre Ribadeo e Barreiros denominado Territorio Vivo que conta con 16 participantes menores de 30 anos que realizan labores para a “posta en valor do medio natural: rutas de sendeirismo, turismo medioambiental, interpretación e educación ambiental”.
Igualmente, a Xunta vén de anunciar recentemente unha achega de 376.000 euros para o desenvolvemento dun novo obradoiro dual -Ribadeo, Prepara O Teu Camiño- que combina a realización dun traballo durante un período de 9 meses e a formación dos participantes nunha materia específica que dá dereito a obter unha certificación de profesionalidade oficial.