Partido Popular de Lugo

O PP reclama a Interior a creación dunha Unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil na Comandancia de Lugo

Lugo, 18 setembro, 2021. Os deputados do Partido Popular pola provincia de Lugo, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, reclamarán o vindeiro luns ao ministerio de Interior a creación dunha Unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil na Comandancia de Lugo. Así se desvela da Proposición Non de Lei rexistrada e que será debatida no Congreso o día 27 de setembro.

 

A utilidade destas unidades é de diversa índole. No caso da provincia de Lugo,  a súa creación faise necesaria e urxente porque o 80% dos Concellos contan con menos de 2.000 habitantes, polo que dispor deste servizo reforzaría a seguridade nas zonas de escasa poboación.

 

A petición dos populares dá así continuidade ao traballo iniciado polo Goberno do PP. O equipo de Mariano Rajoy xa estaba realizando os estudos precedentes sobre a dotación desta Unidade e a modificación da Relación dos Postos de Traballo da Garda Civil no territorio lucense coa fin de cubrir ditos postos. Por este motivo, coa PNL os populares pretenden “desbloquear” os trámites que “paralizou” o Executivo socialista. E é que a demanda de Jaime De Olano e García Díez conta, ademais, co apoio unánime de todas as asociacións profesionais existentes en Lugo relacionadas coa Garda Civil.

 

Que aportaría esta Unidade?

A USECIC é a unidade básica de despregue da Garda Civil no territorio. Recolle os obxectivos xenéricos que ten encomendado o Corpo: prevención da delincuencia, mantemento e restablecemento da seguridade e a orde pública no seu ámbito. Neste servizo recae a responsabilidade da prevención, da investigación de gran parte das infraccións penais e da atención e asistencia próxima ao cidadán. Teñen como misión protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades dos individuos mediante a prevención e primeira investigación das condutas delitivas, así como o auxilio e atención aos requerimentos da poboación as 24 horas, durante todos os días do ano.

 

Sitúanse nas cabeceiras das Comandancias, realizando controis de carácter antiterrorista, identificación de persoas e vehículos e prestan apoio ás compañías de toda a provincia.

 

É un grupo multifunción que tamén presta apoio ao SEPRONA para a prevención de incendios forestais. Ademais, tamén tiveron un papel esencial durante a pandemia que se aplicou ao traslado de EPIs, pois tan só eles teñen unha titulación de nivel 1, así como ao auxilio en dependencias e vehículos oficiais de desinfección; ademais de nas investigacións xudiciais que requiren entradas e rexistros en domicilios, manter a orde pública en manifestacións e na participación en eventos cunha alta participación de xentes.