Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro insta á alcaldesa a confirmar na recepción a Adrián Ben que o Concello impulsará a construción das pistas de atletismo previstas dende o 2009 en Lavandeiras

Viveiro, 23 de setembro de 2021. O goberno local anuncia que o sábado haberá unha recepción ao atleta olímpico Adrián Ben, que recibirá a consideración de fillo predilecto de Viveiro. O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, considera que a alcaldesa, María Loureiro, ten unha oportunidade de ouro para anunciar, durante a recepción, a construción das largamente esperadas pistas de atletismo de Lavandeiras. Noutro caso, quererá dicir que o goberno municipal renuncia a levar adiante dito proxecto, de ampla demanda social, e que, unha vez máis, opta polo anquilosamente e por deixar ao Concello sen infraestruturas e servizos necesarios para Viveiro. Os populares presentaron en febreiro do ano pasado unha moción para a construción das pistas e para que leven o nome de Adrián Ben.

 

Óscar Rodríguez sinala: “Hai ano e medio, o grupo popular presentou ao pleno unha moción para a creación das pistas de atletismo do campo de Celeiro. Pasou o tempo e nada se fixo. O asunto vén de vello, de moi atrás, porque xa o 30 de xaneiro de 2009 o alcalde socialista naquel momento propón a creación de oito pistas de atletismo, dúas de tenis, unha polideportiva e outra de aeromodelismo, todo elo ubicado en Lavandeiras. Nese mesmo ano, La Voz de Galicia, o 29 de maio, publica que o presidente da Deputación fixa en dous millóns de euros a inversión prevista por este organismo en Lavandeiras e inclúe  un campo de fútbol, oito pistas de atletismo, vestiarios e gradas”.

 

Rodríguez engade: “En 2013, máis compromisos; dise que os 110.000 euros do fondo ambiental serán para as pistas de atletismo de Celeiro; dicíase que o proxecto xa estaba redactado. Pero nada se fixo. Pasou o tempo, e nada de nada. Outros concellos están facendo os seus deberes e nós, aquí, de seguir así, anquilosados, como sempre”.