Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno de Monforte a iniciar os trámites para homologar as pistas de atletismo Saleta González, da Pinguela, para que a Federación autorice competicións nelas

Dispoñer de infraestruturas adecuadas é fundamental para fomentar o deporte. É necesario que as instalacións teñan o necesario recoñecemento oficial para que os e as atletas poidan adestrar e competir nas mellores condicións. Por iso, o grupo municipal do PP de Monforte defenderá unha iniciativa na próxima sesión plenaria para que o goberno local dea as instrucións necesarias para comezar o procedemento para obter o certificado de homologación das pistas de atletismo do Estadio Municipal da Pinguela, seguindo os trámites estipulados pola Real Federación de Atletismo.

 

A portavoz municipal, Katy Varela, lembra que o estadio municipal da Pinguela posúe pistas de atletismo, ás que recentemente se deu o nome da atleta monfortina Saleta González. Explica que “estas instalacións non están homologadas segundo o esixido pola Real Federación de Atletismo,  polo cal é imposible celebrar nelas competicións, o que prexudica gravemente os intereses deportivos e económicos da cidade”. Varela indica que “a Federación de Atletismo esixe que as instalacións deportivas para este deporte conten cun certificado emitido por este organismo, o cal estipula que condiciones debe cumprir as instalacións para obter ese certificado e así celebrar competicións”.

 

    Os populares consideran que o deporte é fundamental para fomentar o vínculo dos máis novos coa cidade e así fixar poboación. O Partido Popular ve imprescindible unha maior implicación do Concello co deporte da cidade máis aló da concesión de subvencións anuais. Varela di que “o atletismo é unha disciplina que grazas a Saleta González ten bastante repercusión entre os mozos e as mozas da cidade, polo que é fundamental facilitar as competicións homologando as instalacións”. Varela sinala que o Concello conta con remanentes que poden ser investidos en instalacións deportivas, un fin para o que non se dedican.

 

Iniciativa sobre a N-120

 

Por outro lado, os concelleiros populares defenderán no próximo pleno unha moción para que o goberno local inste ao Goberno central  a que  cumprimente todos os trámites necesarios para facer realidade a execución  do tan necesario proxecto de mellora da seguridade vial na  N-120, coa implantación de carrís adicionais para adiantamentos entre os PPKK 548+800 e 564+000”