Partido Popular de Lugo

“O lume do PSOE está chamuscando a Vilalba. Lamentamos que a alcaldesa dedique máis tempo a resolver os líos internos que a gobernar o Concello”, aseguran dende o PP

Trala renuncia do primeiro tenente de alcalde do goberno local, Rodrigo Pavón, que se suma á ruptura do pacto do goberno con Vilalba Aberta no ano pasado; os populares vilalbeses lamentan que “o PSOE e a alcaldesa dedique máis tempo a resolver os problemas internos do seu partido que a gobernar o Concello”. “O lume do PSOE está chamuscando a Vilalba”, advirten.

 

O PP de Vilalba amosa así a súa preocupación pola incidencia que supón para a gobernanza municipal e, polo tanto, para os veciños e veciñas os líos internos dos socialistas, xa que “esta deriva tan só contribúe, din, a ralentizar aínda máis a xestión municipal e asuntos tan relevantes como pode ser a aprobación dos Orzamentos”.  

 

2ª crise en dous anos

E é que esta é a segunda crise importante que atravesa o Partido Socialista deste municipio no seu primeiro mandato. “Non se pode obviar que a primeira se debeu a que foi a propia a alcaldesa a que rompeu de xeito unilateral o pacto de goberno. Esta situación provocou que os socialistas gobernen en minoría e coas contas de 2019 que deixou aprobados o PP e que, por certo, eles votaron en contra”, destacan.

 

Outros exemplos que se dilatarán por mor da citada renuncia serán as axudas á hostalería, as cuestións de persoal ou o contrato de lixo. Precisamente, este último era un asunto que dependía directamente do xa ex tenente de alcalde, lembran dende o PP.

 

“Chove sobre mollado”

Os populares condenan que a alcaldesa tampouco explicase do primeiro tenente de alcalde, ao igual que fixo coa rutura do pacto con Vilalba Alberta. Tal é así que, aínda que Pavón alegase motivos persoais, o que procedía, segundo apuntan dende o PP, era dar unha mínima xustificación ao respecto. “Ninguén coñece unha soa razón de peso, polo que todo isto parece unha cortina de fume. As razóns cando son evidentes non precisan xustificación, como foi a do compañeiro noso que renunciou por unha enfermidade, pero, cando non o son, si”, remarcan.

 

Os populares fan esta apreciación unha vez que Rodrigo Pavón xa dimitiu hai un ano de Secretario Xeral da formación local, polo que, aseguran, “chove sobre mollado”.

 

“Dime do que presumes e direiche do que careces”

Os populares tampouco queren pasar por alto a escenografía elixida polos socialistas para anunciar a renuncia. “A dimisión é libre e voluntaria, pero cando se leva a tanta xente é un síntoma de que a decisión fai dano. Foi un intento de trasladar unha unión que non teñen. Dime do que presumes e direiche do que careces”, afirman.

 

A inestabilidade na formación socialista resulta máis evidente se cabe se se ten en conta que a rexedora non foi quen de explicar tampouco a reestruturación que experimentará en consecuencia o goberno local. “A lei indica que ten que ser a ou o seguinte que figure na lista. Que a alcaldesa non confirme o substituto ou a substituta é un exemplo máis que teñen lío”. Dende o PP sospeitan incluso que o último reparto de dedicacións tamén puidera ter que ver na decisión de Pavón.

 

“Vilalba é terra de bispos pero esta situación é un exemplo de cristiás que non comulgan con rodas de muíño”, conclúen.