Partido Popular de Lugo

Os senadores do PP denuncian que Renfe deixou a Lugo fóra do incremento de prazas de media distancia e piden a comparecencia da ministra de Transporte e da presidenta de ADIF

A provincia de Lugo ten infraestruturas ferroviarias moi deficientes e un reducidísimo número de servizos. Os senadores populares por Lugo presentan, unha vez máis, varias iniciativas para que o Goberno, presidido por Pedro Sánchez, explique cal é a situación ferroviaria na provincia de Lugo e para saber se ten previsto incrementar o número de prazas en trens de media distancia.

 

Os senadores José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Lourenzo Varela sinalan que a operadora ferroviaria pública Renfe incrementou en preto de 3.000 prazas nos seus trens de media distancia en Galicia con motivo do inicio do curso académico 2021/22. Están operativas dende setembro ata xuño, para realizar os percorridos entre A Coruña e Vigo en ambos os sentidos. Destacan que, de novo, se marxina a Lugo, porque esta ampliación de prazas volve deixar fóra á provincia, sen ter en conta que a capital lucense conta cun campus da Universidade de Santiago de Compostela no que se imparten numerosos graos, como o grao en Veterinaria, cuxa facultade no campus de Lugo é unha das máis prestixiosas e acreditadas non só en Galicia, senón tamén en España e mesmo a nivel europeo.

 

Os senadores lucenses resaltan que o campus de Lugo é o único en Galicia no que os alumnos poden cursar o máster en Innovación en Nutrición, o de Xenómica e Xenética, ou o de Enxeñería Agronómica ou en Enxeñería de Montes, entre outros estudos que só poden realizarse na capital lucense. En consecuencia, Barreiro, Arza e Varela  afirman que “non se entende esta discriminación por parte de Renfe á provincia de Lugo, que pode ocasionar que multitude de alumnos sufran dificultades ao cursar os seus estudos no campus lucense ao non poder trasladarse por vía ferroviaria”.

 

 De igual modo, afirman que os universitarios lucenses que estudan noutras provincias galegas son tamén parte prexudicada, ao non poder trasladarse á Coruña ou a Vigo coa frecuencia necesaria. Por iso, queren saber se a operadora ferroviaria Renfe ten pensado incrementar as súas prazas nos trens de media distancia que conectan Lugo co resto de cidades galegas.

 

Por outro lado, os senadores solicitaron a comparecencia na comisión de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana da ministra, Raquel Sánchez Jiménez, e da presidenta de ADIF, María Luisa Domínguez González