Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular lamenta que BNG e PSdeG rexeitaran a aprobación dunha moción que fortaleza a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

A deputada do Grupo Popular Raquel Arias lamentou que BNG e PSdeG rexeitaran hoxe no Pleno do Parlamento a aprobación dunha moción conxunta que fortalecera á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, “un sentimento maioritario nesta terra con razóns dabondo para lograr este recoñecemento”. Neste sentido, lamentou que “mentres que para Icomos é loable o traballo levado a cabo respecto da planificación, coordinación e protección da Ribeira Sacra, os socialistas din que non existiron estas actuacións e os nacionalistas piden que comecemos de novo todo o procedemento”.

 

“Os que coñecemos o territorio sabemos que nos últimos anos produciuse un punto de inflexión na Ribeira Sacra, e por iso confiamos no traballo que está facendo a Xunta en colaboración co Estado, coas distintas institucións e cos axentes do territorio”, sinalou Raquel Arias. Así, destacou que “o propio embaixador da UNESCO indicou que a candidatura da Ribeira Sacra ten calidade, intensidade e está ben establecida”.

 

Na súa intervención, lamentou que as mocións defendidas hoxe por BNG e PSdeG “demostran un descoñecemento absoluto do territorio ou mala fe con fins partidistas, que agardo non sexa así”. Neste sentido, explicou que “a Xunta e o Goberno central tomaron conxuntamente a decisión estratéxica de pospoñer o último paso na presentación da candidatura da  Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade”, unha decisión que “danos tempo para ir con todas as garantías porque estamos convencidos de que esta foi a mellor decisión para a Ribeira Sacra, para Galicia e tamén para España”.

 

FACTORES A FAVOR

 

“Son moitos os factores que xogan ao noso favor, como que o Consello do Patrimonio Histórico Español acordou que España non presente ningunha nova candidatura nos próximos cinco anos, o que amosa a confianza na viabilidade da candidatura da Ribeira Sacra”, apuntou.

 

Raquel Arias afirmou que a Xunta ten previsto iniciar no mes de xaneiro o traballo de mellora do expediente e seguir avanzando coa execución do Plan de xestión da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, dotado con 32 millóns  de euros ata 2023 para avanzar na protección, conservación e promoción do conxunto deste territorio.