Os populares de Viveiro viron con satisfacción como na máis recente sesión plenaria municipal saíu adiante a súa moción para reclamar ao Goberno a non inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. A proposta do PP contou cos votos a favor do PSOE, Por Viveiro e do concelleiro non adscrito; o BNG, abstívose. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, aplaude o cambio de posición da alcaldesa, a socialista María Loureiro, que anteriormente, como deputada provincial votou na Deputación contra unha moción do PP de similar contido.
Rodríguez sinala: “Temos que agradecer á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que na entrevista que mantivo coa alcaldesa, a petición desta, conseguira convencela de que será moito máis difícil controlar ao lobo se se inclúe la listaxe de especies silvestres en réxime de especial protección, porque deixará de ser especie cinexética e non se poderán facer batidas. Sen dúbida é mérito da conselleira que a alcaldesa votase no Concello a favor dunha moción da que na Deputación estivo en contra”.
O mesmo representante popular di que agora “esperamos que faga valer o seu peso no PSOE e convenza á ministra de que reforzar a protección do lobo como pretende facelo o Goberno, presidido por Pedro Sánchez, só fará incrementar as dificultades para controlar esta especie”.
O portavoz popular, aproveitando unha reunión con veciños de Galdo, explicou o contido da moción aprobada no pleno e insistiu en que, de ser incluído o lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial será moito máis difícil o control e os problemas, lonxe de diminuír, aumentarán. Os populares continuarán explicando esta iniciativa a representantes de distintos colectivos.