O Partido Popular da provincia de Lugo reforza o apoio e asesoramento aos grupos municipais daqueles concellos pequenos onde conta con menos representación. Así se comprometeu Elena Candia durante a reunión que mantivo en Meira con concelleiros dos concellos de menos de 1.500 habitantes nos que o PP se atopa na oposición.
Candia sinalou que “os grupos municipais son os nosos representantes máis próximos e, polo tanto, os que mellor coñecen a realidade dos veciños e veciñas nos distintos concellos da provincia”. Nese sentido, a máxima dirixente recoñeceu o traballo dos portavoces e concelleiros que compaxinan a súa actividade laboral e persoal coa de facer oposición nos pequenos concellos rurais.
A popular asegurou que “os grupos municipais con menos representación teñen o apoio do Partido para poder desempeñar o seu labor de oposición, a de control e fiscalización ao goberno” e comprometeuse a reforzar o seu asesoramento e apoio “para poder comunicar o seu traballo, facer chegar aos veciños a súa desconformidade con asuntos de interese municipal e, por suposto, as súas iniciativas en beneficio de cada concello”.
Nesa liña, a popular recordou, que “o Partido Popular traballa na nosa provincia centrado na vocación de servizo aos nosos veciños, para serlles útiles e defender os seus dereitos e intereses nas distintas institucións procurando o seu benestar e o seu progreso tanto económico coma social”.
Candia defendeu que “o noso proxecto está centrado na nosa provincia, nos nosos veciños e no noso territorio, un territorio de marcado carácter rural para o que defendemos a igualdade de dereitos e a igualdade de servizos”. Con eses obxectivos, a candidata a revalidar o cargo na presidencia do PP da provincia tamén puxo en valor “a nosa vontade de diálogo” para “chegar a acordos tanto nas corporacións locais coma provincial que redunden na mellora da calidade de vida dos lucenses”.
Cara ao 18 Congreso provincial
A actual presidenta e candidata a revalidar o cargo tralo 18 Congreso previsto para o domingo 19 de setembro, deu comezo aos actos de campaña a pasada semana recibindo aos tres afiliados máis veteranos e aos tres de máis recente afiliación en sinal de recoñecemento polo apoio e a confianza de todos os militantes.
Elena Candia dará continuidade á campaña cun encontro de traballo cos concelleiros de xuventude de distintos Concellos da provincia e cos responsables dos distintos distritos da cidade de Lugo. Tamén recibirá aos afiliados que non aspiran a ser compromisarios e, posteriormente, manterá encontros cos compromisarios por comarcas.
Comunicado-relatorio
As reunións da coordinadora do comunicado-relatorio do 18 Congreso, Cristina Sanz, con representantes de distintos sectores estratéxicos da provincia e de organizacións do ámbito empresarial e dos sectores agrogandeiro, forestal, pesqueiro, turístico e sanitario tiveron moi boa acollida. A popular escoitou as súas achegas para incorporalas ao documento ‘Un proxecto de partido, un proxecto para Lugo’, un documento de ideas, propostas e actuacións coas que o proxecto do Partido Popular abordará os retos do futuro da nosa provincia.