Partido Popular de Lugo

Elena Candia pon en valor que o Partido Popular da provincia de Lugo “está a integrar xente moza no seu proxecto

Elena Candia reuniuse coas tres persoas de afiliación máis recente ao Partido Popular da provincia de Lugo dando continuidade á súa campaña de cara ao 18 Congreso provincial que se celebrará o vindeiro domingo 19 de setembro, despois de recibir tamén aos tres afiliados máis veteranos en sinal de recoñecemento á totalidade da militancia polo seu apoio.

 

A actual presidenta e candidata a revalidar o cargo puxo en valor “o incremento na afiliación de xente moza” que supón integrar no proxecto político do Partido Popular da provincia de Lugo a “caras novas en ideas e en gañas de traballar na defensa dos intereses de tódolos lucenses”. Candia xa anunciara o compromiso do Partido de outorgar protagonismo á xente moza e, de feito, a comisión organizadora do Congreso está integrada por sete persoas novas: seis mulleres e un home.

 

A popular continuará escoitando á xente nova “que está a construír o futuro da nosa provincia” e manterá unha reunión, durante os actos de campaña, cos concelleiros de xuventude de distintos concellos da provincia para coñecer máis de preto as actuacións que demandan os mozos e mozas.

 

Atendendo ás suxestións dos rapaces e rapazas, Candia comprometeuse tamén a reforzar a presenza do Partido Popular da provincia de Lugo nas redes sociais onde xa está a compartir a información sobre as iniciativas dos seus representantes nas distintas institucións, as súas reivindicacións ou sobre as reunións de traballo que mantén de forma habitual a presidenta, entre outras actividades. Así, ademais da súa páxina en facebook (Partido Popular provincia de Lugo) e do perfil en twitter (@ppdelugo), o PP da provincia de Lugo dispón tamén dunha nova conta en instagram (@ppdelugo).

 

Afiliados e compromisarios

Candia escoitará a vindeira semana aos afiliados e tamén aos compromisarios que deberán exercer o seu dereito ao voto na urna o propio día do 18 Congreso provincial do PP.

 

O prazo para que os afiliados inscritos para participar no cónclave formalicen a súa inscrición como compromisarios remata o vindeiro mércores 8 de setembro.