Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno local a adoptar medidas para identificar a procedencia e conectar co saneamento as augas fecais que verte no peirao vello o regato canalizado baixo a rúa Cervantes

Os gobernos capitaneados polo PSOE usan e abusan da verbalización do seu interese por propiciar cidades medioambientalmente sostibles, pero, á hora da verdade, todo se queda en fume e imponse a teimuda realidade. O caso do goberno de Viveiro, lamentablemente, non é unha excepción, segundo sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez. Considera que un bo exemplo do que di se pode ver, polos veciños de Viveiro e por todos os que visitan a cidade, nos mesmo corazón do casco urbano: ao pé do peirao vello, desemboca un regato, canalizado baixo a rúa Cervantes, que chega ao mar cargado de augas residuais, facilmente identificables tanto visualmente como polo olor.

 

Óscar Rodríguez indica que por algún fallo na rede de saneamento, ou por algunha improvisación ou infracción parece claro que hai un ou máis edificios que verten as súas augas residuais directamente ao regato e, por este, chegan ao mar.

 

Os populares consideran que o goberno municipal debe dar as ordes oportunas para que se faga a correspondente inspección, de maneira que sexa posible adoptar as medidas necesarias para que o edificio ou edificios que verten directamente as súas augas residuais ao regato sexan conectados á rede de saneamento.

 

Rodríguez di que os vertidos residuais urbanos directos ao mar, a estas alturas, son inadmisibles. Ademais do dano medioambiental, provocan dano á imaxe de Viveiro. Neste sentido, destaca que cando a marea está baixa, hai días en que as augas residuais xeran un forte mal olor; cando á marea está alta, o aspecto visual desta zona é lamentable.

 

O grupo municipal do PP presentará un rogo na próxima sesión plenaria da corporación municipal, para que o goberno local adopte as medidas necesarias para identificar a procedencia das citadas augas residuais e para corrixir o problema.