Partido Popular de Lugo

Elena Candia destaca en Pantón “o importante apoio da Xunta na mellora da paisaxe e dos servizos aos veciños”

A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, sinalou nunha visita a Pantón acompañada polo alcalde da localidade, José Luís Álvarez Blanco “o importante apoio da Xunta para a mellora da paisaxe a través das súas intervencións no patrimonio cultural da Ribeira Sacra ou das axudas para a rehabilitación de vivendas particulares”.

 

Candia destacou tamén “a posta en marcha doutra obra financiada pola Xunta en Pantón que o alcalde sinala como “moi importante para todos os veciños porque permite ampliar a entrada a Ferreira”. Trátase do acondicionamento da zona do mosteiro das Bernardas que permitirá completar o paseo situado fronte ao mosteiro cisterciense, enlazando o núcleo de Ferreira coa praza do Curro.  A estes traballos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dirixe 205.000 euros. Así mesmo, a Xunta financiou con cargo ao Plan Hurbe a humanización e acondicionamento de espazos no municipio coma a beirarrúa e a iluminación  entre o Balneario e a fonte de Augas Santas.

 

A popular gabou “o valor natural e paisaxístico do concello de Pantón, así coma a  riqueza cultural do seu territorio onde abundan as igrexas e mosteiros recoñecidos como Bens de Interese Cultural”. Nese sentido, recordou que “a Xunta está a intervir con máis de 260.000 euros na mellora da igrexa de Pombeiro, un templo declarado BIC e considerado unha das xoias do románico en Galicia. A Administración autonómica cumpre así o seu compromiso coa paisaxe cultural da Ribeira Sacra á que dirixiu 4,5 millóns de euros dende o ano 2017 para poñer en valor preto dunha vintena de bens patrimoniais entre os que se atopan tamén a igrexa de Santo Estevo de Atán ou o Mosteiro das Bernardas”, no municipio de Pantón.

 

ARI Ribeira Sacra

Candia recordou que “o concello de Pantón forma parte da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra xunto a outros 12 concellos lucenses e 12 ourensáns”. Ao ser de carácter supramunicipal é a Xunta a que xestiona as axudas para a rehabilitación de vivendas e o prazo para que os propietarios soliciten estes apoios está aberto ata o 30 de setembro. “Este tipo de apoios da Xunta dirixidas á rehabilitación contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños e, polo tanto, favorecen o asentamento da poboación”, sinalou.

 

Servizos aos veciños

“Os servizos aos veciños son tamén fundamentais para contribuír ao asentamento da poboación”, sinalou Candia. Nesa liña, o goberno local está a renovar infraestruturas públicas dirixidas aos máis pequenos como é o caso do parque infantil do casco de Ferreira que conta cunha achega de 60.000 euros do GDR que constitúe o 50% do orzamento desta obra municipal.

 

A presidenta provincial do PP recordou que, pola contra, “os veciños de Pantón teñen que sufrir o mal estado que presentan as estradas que son competencia da Deputación e que son tamén un servizo fundamental para facilitar a comunicación e o transporte”. Nese sentido, os populares agardan que “o presidente e responsable de Vías e Obras na Deputación cumpra o que prometeu e que as obras anunciadas para mellorar estas estradas se inicien o antes posible”.

 

Prezo da luz

Elena Candia recordoulle ao BNG en Pantón tras levar ao pleno municipal unha iniciativa para reclamar a baixada do prezo da luz que “se dirixan ao Executivo de Pedro Sánchez, o mesmo que apoiaron para ser investido presidente, para esixirlle medidas ao respecto. O Goberno de coalición prometeu que non subiría o prezo da enerxía e que non quedaría ninguén atrás, pero o certo é que o encarecemento da factura da electricidade afecta a tódolos fogares”.