Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “A Xunta xa adiantou as axudas ás asociacións para as obras nas escolas das parroquias, pero o Concello aínda non concedeu as licenzas”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, explica que “a Xunta de Galicia xa achegou ás asociacións de veciños de Rinlo, A Rochela, Cubelas e Vilaselán o diñeiro correspondente ás axudas para a mellora das escolas; pero os veciños atópanse cun problema: o Concello non concedeu de momento as licenzas para dar inicio ás obras”.

 

“Despois de todo o traballo que fixeron as distintas asociacións do rural de Ribadeo”, Vega condena a falta de colaboración por parte do goberno do BNG ao que lle pide “que se poña a traballar e que conceda as licenzas” porque “estas obras son moi necesarias tanto en Vilaselán como en Rinlo como en Cubelas; e noutras parroquias onde tamén están en situación de abandono”. No caso da Rochela, onde a escola é de titularidade dos veciños, o goberno local concedeu a licenza cobrando unha taxa municipal de 400 euros. “Onde non cobran unha barbaridade, non conceden a licenza: poñen paus nas rodas”, di o voceiro do Grupo Municipal Popular.

 

Vega detalla a situación de cada centro social: “en Vilaselán teñen problemas na cuberta que provocan humidades nas paredes e tamén precisan renovar as ventás e dotar á escola dun acceso axeitado para todas as persoas. O mesmo problema presenta a escola de Rinlo onde chove dentro debido ao mal estado da cuberta e que ten problema tamén de acceso. No caso da parroquia de Cubelas, a escola está totalmente abandonada: por non ter non ten nin ventás. Isto é a realidade”, advirte.

 

“Poñen paus nas rodas porque non lle interesa que a Xunta invista en Ribadeo”

Ante esta situación, “os veciños dirixíronse ao goberno local do BNG pedíndolles que se investira na mellora destes espazos, pero fixo oídos xordos”. Polo tanto, os veciños pediron unha subvención á Xunta e a Xunta aprobouna.

 

O popular considera que “isto demostra que non interesa que a Xunta invista en Ribadeo” e iso repercute negativamente nos veciños e veciñas. “Parece que molesta que o noso Grupo apoie aos distintos colectivos das nosas parroquias”, engade.

 

Vega destaca que “noutros lugares onde a Deputación vai dar comezo a obras nas escolas non van poñer problemas” segundo o popular porque “é un goberno PSOE-BNG, un goberno amigo”. Polo tanto, para o popular esta actuación cuestiona o “talante democrático deste goberno do BNG e o seu dirixente”.