Partido Popular de Lugo

Elena Candia: “O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ten que dar explicacións sobre o alarmante baixo nivel de auga no encoro de Belesar”

A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, esíxelle ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e tamén secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, “que dea explicacións sobre o baixo nivel de auga encorada en Belesar que se atopa por debaixo do 30% da súa capacidade máxima”. Acusa ao dirixente do organismo de conca e número 2 de Gonzalo Caballero de “irresponsable” por permitir un nivel tan baixo das reservas de auga na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil: “é sorprendente que haxa menos agua encorada que na conca do Xúcar”.

 

“Os niveis son alarmantes para esta época do ano tendo en conta que o ano pasado non alcanzou eses niveis ata finais de outubro coa mesma cantidade de choiva caída que este ano”, advertiu hoxe durante unha visita ao encoro ao seu paso polo termo municipal de Chantada acompañada polo alcalde da localidade e senador, Manuel Varela; entre outros alcaldes e portavoces dos municipios afectados.

 

Candia trasladou a preocupación dos alcaldes e veciños -que son tamén veciños do responsable da CHMS- pola “drástica baixada das reservas de auga” desta presa de abastecemento e aproveitamento hidroeléctrico. Explicou que “hai que manter un nivel mínimo para protexer a flora e a fauna; manter a actividade turística e recreativa; a pesca; e para non comprometer a dispoñibilidade de auga para o abastecemento da zona e como recurso en caso de incendio”. A mandataria lembrou que xa no mes de xuño varios alcaldes manifestaron a súa desconformidade co baleirado do encoro que dificulta o desenvolvemento das actividades dos clubs náuticos coma o de Taboada ou Portomarín.

 

Candia especificou que “só os encoros galegos que dependen do Goberno central se están a baleirar de xeito tan alarmante. Os xestionados pola Xunta, os da Demarcación Galicia-Costa, sitúanse en torno ao 65% de ocupación”. Polo tanto, a mandataria popular cre “ten que haber unha explicación” e agarda que “o número 2 de Gonzalo Caballero aclare as circunstancias nas que se produciu o baleirado da auga encorada e con que xustificación”.

 

A presidenta dos populares lucenses condena “a súa nefasta xestión como responsable de vixiar os encoros do Estado en Galicia” e cre que “está máis preocupado por atacar aos rivais internos do secretario xeral dos socialistas galegos que polo seu deber de control medioambiental”.

 

Actuacións da Xunta

A Xunta xa se dirixiu tanto ao Ministerio de Transición Ecolóxica coma á CHMS para trasladarlles a súa preocupación e esixirlles que tomen as medidas oportunas para evitar este tipo de situacións. “O Goberno galego realiza controis estritos para garantir que o aproveitamento hidroeléctrico sexa compatible co abastecemento e a preservación dos valores ambientais”, sinalou Candia que insiste na necesidade de  que “o Goberno de Sánchez e a CHMS revisen as normas de explotación das presas de cara a concretar un nivel mínimo de explotación atendendo ao actual contexto de cambio climático”.

 

Iniciativas dos populares no Parlamento, no Congreso e no Senado

O Grupo Popular no Parlamento galego anunciou recentemente unha iniciativa dirixida a requirir do Ministerio para a Transición Ecolóxica e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que aclare as circunstancias nas que se produciu o baleirado dos encoros da súa competencia en Galicia.

 

Tamén os representantes do PP da provincia de Lugo no Congreso e no Senado teñen amosado a súa preocupación pola situación dos embalses da CHMS. Así, os senadores lucenses rexistraban a pasada semana preguntas para coñecer por que o Goberno central está a autorizar os baleirados nos encoros da demarcación hidrolóxica Miño-Sil e con que obxectivo, as medidas adoptadas para evitar os baleirados masivos e se tivo en conta que podían afectar á cidadanía, ás poboacións piscícolas e/ou á biodiversidade que depende destas masas de auga.

 

Os deputados das provincias de Lugo e Ourense tamén anunciaban a solicitude de comparecencia na Comisión de Transición Ecolóxica e do Reto Demográfico do Secretario de Estado de Medio Ambiente para informar das actuacións de control e investigación realizadas polo MITECO en relación coa situación creada este verán polo drástico baleirado de encoros da CHMS por parte de empresas concesionarias de aproveitamentos hidroeléctricos con explicación de se se excederon os límites de desembalse para turbinación que lle están permitidos. Tamén demandan información ao Goberno sobre os resultados dos expedientes informativos e das investigacións abertas polo organismo de conca en relación con estes posibles excesos.