Partido Popular de Lugo

O PP de Trabada considera “cansina” a actitude de enfrontamento continuo da alcaldesa coa Xunta

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Trabada, José María Fernández, lamenta a actitude de enfrontamento constante da alcaldesa coa Xunta de Galicia “totalmente inxustificada” e que “xa resulta cansina”.

 

“En lugar de preocuparse por atender as necesidades dos nosos veciños como pode ser a planificación dos desbroces das pistas municipais ou a limpeza de instalacións municipais e áreas recreativas; a alcaldesa socialista dedícase a facer campaña contra a Xunta en cada ocasión que ten”. Desta volta, sinala o voceiro popular, “volveu facer declaracións partidistas no anuncio da compra de material para o ximnasio municipal por parte do Concello”.

 

Ante as críticas constantes da rexedora socialista ao Goberno galego, Fernández lembra que os veciños de Trabada se beneficiaron dun investimento da Xunta de 1,7 millóns de euros no ano 2020. E, por poñer algúns exemplos máis, “a Xunta de Galicia aprobou este ano un investimento de 67.760 euros a través do plan Hurbe para a mellora da rúa Cotarelo e dirixe outra axuda de máis de 43.500 euros ao Concello para a mellora dos accesos de Vilapercide a Cabana, Portela e A Veiga dende a LU-P-6102. Ademais,  autónomos, microempresas, hostalería e outros negocios pechados no noso municipio recibiron axudas do plan de rescate por valor de preto de 34.000 euros que a Xunta puxo en marcha pola situación derivada da pandemia da covid-19”. E, no ámbito deportivo e de lecer, subliña o voceiro do PP que “a Xunta aporta arredor de 6.000 euros para que a piscina de Trabada dispoña de dous socorristas este verán”.

 

Así mesmo, o popular explica que recentemente o Concello inauguraba o museo etnográfico José Rocha para o que a Xunta ten achegado preto de 300.000 euros dirixidos á rehabilitación e musealización do espazo. “A alcaldesa despreza á Xunta ao non convidar aos seus representantes ao acto de inauguración, a pesar de ser a administración que máis investiu neste proxecto”.

 

O goberno local descoida instalacións deportivas

Fernández tamén condena que a alcaldesa asegure que a Xunta se nega a facilitarlle aos veciños a práctica deportiva cando “é foi o actual goberno local o que despreza as instalacións deportivas coas que contaba Trabada. O goberno socialista decidiu desfacer unha parte do campo de fútbol que o anterior goberno popular deixara en perfectas condicións para o seu uso para construír unha pista de pádel”, explica. E engade que “agora o campo está sen rozar e co céspede en mal estado. Este equipo de goberno ten totalmente descoidadas estas e outras instalacións deportivas como é o caso do pavillón da parroquia de Sante”.