Partido Popular de Lugo

Os senadores populares por Lugo esixen explicacións ao Goberno polo baleirado masivo dos encoros que dependen da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Os senadores lucenses polo PP piden explicacións ao Goberno, presidido polo socialista Pedro Sánchez, en relación co baleirado dos encoros que están na demarcación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Os senadores populares, José Manuel Barreiro, Manuel Lorenzo Varela e Rosa Arza, expresan a súa preocupación pola situación que se dá nas concas estatais dos ríos Miño e Sil. Indican que do mesmo xeito que o lucense Belesar, outros encoros da provincia de Ourense, todos pertencentes á demarcación Miño-Sil, non chegan ao 30% de ocupación.

 

Na iniciativa popular indícase que as reservas dos encoros hidroeléctricos da conca do Miño-Sil atópanse nuns valores de ocupación extremadamente preocupantes. Concretamente, en Belesar, na Ribeira Sacra, xa non hai auga embalsada, senón tan só a que aporta o río Miño.

 

Os asinantes desta iniciativa, lembran que a demarcación hidrolóxica Miño-Sil é de titularidade estatal, polo que tanto o establecemento dos caudais mínimos como o control do seu cumprimento por parte das hidroeléctricas que o xestionan é competencia exclusiva do Goberno central. Neste sentido, pregúntanse por que os encoros galegos que están baixo o control da Xunta de Galicia contan cunha porcentaxe de ocupación moito maior e por que os pantanos hidroeléctricos do Miño-Sil teñen menos reservas mesmo que os do Júcar.

 

Os populares preguntan por que o Goberno central está a autorizar os baleirados nos encoros da demarcación hidrolóxica Miño-Sil? Tamén queren coñecer cal é o obxectivo destes baleirados e  como explica o Goberno central a situación dos encoros da demarcación hidrográfica Miño-Sil, tendo en conta de que as choivas foron similares ás de ano pasado e considerando que os encoros galegos que dependen da Xunta de Galicia contan cunha porcentaxe moito máis alta de ocupación

 

Os senadores do PP por Lugo interésanse por coñecer que medidas está a adoptar o Goberno central para evitar estas saídas de auga masivas nos encoros da demarcación hidrolóxica Miño-Sil. Tamén queren saber se valorou o Goberno central a posibilidade de que estes baleirados masivos estean a afectar ou poidan afectar á cidadanía, ás poboacións piscícolas e/ou á biodiversidade que depende destas masas de auga.