O Partido Popular da provincia de Lugo agradece ao alcalde de Madrid e portavoz nacional do PP, José Luís Martínez-Almeida, que “elixa a nosa provincia e, máis concretamente, que escollera a ruta Primitiva para facer o Camiño de Santiago”.
A presidenta, Elena Candia; o secretario xeral, Carlos Armesto, e o deputado nacional e vicesecretario de Participación do PP, Jaime De Olano, déronlle a benvida á nosa provincia destacando que “a súa presenza contribúe a promocionar o Camiño de Santiago, o ano Xacobeo 21-22; e, de xeito especial, o Camiño Primitivo”.
Candia considera que se trata “dunha gran aportación na promoción” desta ruta xacobea que no 2015 recibiu a distinción de Patrimonio da Humanidade xunto ao Camiño do Norte.
Os populares subliñaron que “Martínez-Almeida cumpre o seu compromiso de volver facer o Camiño de Santiago tal e como anunciara no Congreso autonómico do PPdeG”. Deste xeito, o portavoz nacional do Partido Popular sumarase á listaxe de peregrinos deste Xacobeo bianual que xa rexistrou a chegada de máis de 70.000.
Patrimonio cultural e riqueza natural
Os populares destacan que as rutas xacobeas que pasan pola nosa provincia son “uns dos principais exemplos de patrimonio cultural cos que conta o noso territorio” que, ademais, constitúen “un recurso turístico que permite coñecer de preto as nosas paisaxes e a nosa riqueza natural”.