O goberno provincial acaba de demostrar unha vez máis, segundo o viceportavoz popular, José Antonio García, que o seu concepto da acción de goberno emparenta directamente coa arbitrariedade, o caciquismo e o sectarismo. A prensa recolleu esta fin de semana unha información na que o goberno presidido polo socialista José Tomé informaba de que La Diputación no descarta invertir en polígonos si se necesita. É dicir, despois de que o organismo provincial se negara sistematicamente a manter en vigor, como solicitou reiteradamente o PP, os compromisos adquiridos pola agora extinta sociedade Suplusa para a creación de solo industrial en 30 concellos, o goberno vén dicir que creará parques empresariais só se lle dá a gana e lle convén. José Antonio García considera que Tomé e o seu equipo pasarán á historia como o goberno provincial que permitiu que nos pequenos concellos da provincia desapareceran empresas por falta de solo para ampliar as súas instalacións ou para desenvolver iniciativas empresariais, xusto cando máis necesario é facilitar a aparición de novos proxectos e a creación de emprego.
García destaca que Suplusa tiña acordos con 30 concellos da provincia para crear solo industrial. Cando se tramitou a extinción de Suplusa, segundo lembra o viceportavoz popular, o goberno dicía que se manterían os compromisos adquiridos. Pero chegou a extinción de Suplusa, non houbo asunción dos convenios establecidos “e agora, nunha fin de semana de agosto, dísenos, nun delirante exercicio de propaganda, que a Deputación creará solo industrial segundo o seu criterio”. García engade: “Sabemos con seguridade que hai pequenos concellos nos que se están perdendo oportunidades, porque hai empresas que queren ampliar as súas instalacións e precisan solo industrial. E tamén hai autónomos que queren montar os seus negocios. Mentres, a Deputación, elude cumprir os compromisos adquiridos e abre a porta a crear parques empresariais seguindo criterios arbitrarios e sectarios”.
Os populares destacan que Suplusa tiña uns considerables activos que pasaron a ser directamente da Deputación e, entre os seus principais obxectivos, estaba a creación de solo industrial. Que pasa con eses activos?, se pregunta García. O mesmo representante popular di: “Está claro que ao goberno presidido por Tomé todo se lle volve propaganda. Falan da necesidade de asentar poboación, de loitar contra o despoboamento, algo no que concordamos todos os partidos. Pero, á hora da verdade, o goberno provincial actúa xustamente no sentido contrario”.
García destaca que as cantidades investidas na creación de solo industrial son recuperadas pola Deputación coa venda das parcelas. Por iso non entende a resistencia a cumprir coa súa obriga en concellos que teñen todo preparado para que a Deputación dea os pasos necesarios para crear o correspondente polígono, como é o caso de Riotorto, por citar só un exemplo. O viceportavoz popular sinala: “A creación destas infraestruturas non poden quedar totalmente á decisión que en cada momento resulte máis favorable para o goberno provincial; precísase unha planificación e iso era o que supoñían os convenios que Suplusa tiña establecidos con trinta concellos da provincia”