O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, subliña que “os veciños están indignados ante os problemas que pon o goberno local para arranxar as escolas das parroquias”. O popular advirte, a este respecto, que “Ribadeo corre o risco de perder 59.000 euros de axudas que concedeu a Xunta ás asociacións de veciños de Rinlo, Cubelas, Vilaselán e A Rochela para o arranxo dos seus locais sociais” porque “o goberno do BNG se nega a conceder a licenza de obra”.
“Os colectivos do rural están traballando moito polas súas parroquias” e durante as reunións que manteñen os membros do Grupo Municipal Popular de Ribadeo coas distintas asociacións para colaborar e informar de cara á realización de actividades lúdicas, culturais ou sobre axudas da Xunta; “téñennos trasladado propostas e tamén as súas preocupacións”. Unha delas é o mal estado no que se atopan os locais sociais situados nas escolas parroquiais que son de titularidade municipal debido ao abandono do goberno local do BNG.
Ante esta situación, “dende o noso Grupo Municipal informamos da convocatoria de axudas por parte da Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia dun máximo de 12.000 euros para a mellora dos seus locais sociais e ata 5.000 para o seu equipamento”.
O BNG pon paus nas rodas
“O problema agora é que, unha vez concedidas as axudas da Xunta, o goberno local se nega a conceder a licenza de obra. É dicir, ten abandonadas as escolas que non arranxa e, agora que os veciños solucionan o problema logrando orzamento para a súa mellora, négase a colaborar”, sinala Vega. O popular critica, polo tanto, que “o goberno do BNG poña paus nas rodas coa finalidade de que a Xunta non colabore cos distintos colectivos” ou, o que é o mesmo, “impedir que a Xunta achegue orzamento para as parroquias ribadenses. O goberno local leva moito tempo dicindo que a Xunta non aporta, pero agora sabemos cal é a verdade: eles impiden que a Xunta invista”.
“Sorprendentemente agora o goberno local anuncia orzamento para arranxar as escolas”, tal e como lles comunicou aos veciños nas reunións que mantivo nos últimos días. Isto denota, para o popular, que “o goberno local vai a rebufo do Grupo Municipal Popular que xa leva tempo traballando codo con codo coas asociacións”.
Vega cre que, “por sentido común, o goberno local ten que poñerse a disposición dos veciños para coñecer a onde chega a aportación da Xunta e achegar orzamento para completar as obras a realizar”.
Medidas de apoio ás asociacións
Pola súa banda, “o Grupo Municipal Popular concretará cos colectivos das parroquias afectadas as medidas que sexan necesarias para reclamar ao goberno local que “conceda canto antes a licenza de obra e que non lle cobre a taxa aos veciños que fixeron un traballo moi importante xestionando esta axuda para arranxar a escola; xa que os edificios son de titularidade municipal”.
Obras aprobadas pola Xunta
A Xunta de Galicia aprobou achegas de 17.000 euros para a mellora da escola de Cubelas, onde a asociación de veciños actuará na substitución de ventás, no pintado do interior da planta baixa e na eliminación de barreiras arquitectónicas.
A asociación de veciños de Rinlo recibirá outros 17.000 euros do Goberno galego para a mellora do seu local social onde repararán a cuberta e eliminarán barreiras arquitectónicas.
No caso da asociación de Rochela, a axuda concedida pola Xunta é de 12.750 euros para a substitución das ventás, arranxar e pintar o exterior e eliminar barreiras arquitectónicas.
A escola de Vilaselán contará cunha aportación de 12.423 euros por parte da Xunta á asociación de veciños para acometer melloras na estrutura da cuberta, na fachada, nas ventás e na iluminación, repintar e suprimir barreiras arquitectónicas.