O Partido Popular de Lugo habilitou un 'buzón' na súa web baixo o lema ‘Únete ao noso proxecto’ para que as veciñas e veciños que así o desexen poidan dirixir as súas propostas e suxestións de cara á elaboración da ponencia que marcará a estratexia política e que se presentará no congreso provincial previsto para o vindeiro 19 de setembro. A este buzón pódese acceder a través do enderezo: https://ppdelugo.es/a-tua-opinion.
Trátase dun instrumento máis que os populares lucenses poñen a disposición dos veciños e veciñas da provincia dentro do proceso participativo aberto a todos para recoller ideas de cara á redacción do relatorio do 18 Congreso. “Calquera cidadán, afiliado ou non, pode remitir propostas a través da caixa de correo habilitada na web Partido Popular de Lugo”; explicou Cristina Sanz, deputada e coordinadora do relatorio popular.
Segundo detallou Cristina Sanz, está medida foi consensuada coa candidata á presidencia provincial, Elena Candia e co Comité Organizador do Congreso, que deu o seu aval.
Ideas
As ideas a enviar deben versar sobre calquera dos asuntos de interese estratéxico para a provincia ou, incluso, sobre o modelo de partido. Así, as achegas poden estar relacionadas co reforzo da sanidade pública; a reactivación da economía e a modernización do modelo produtivo; o fortalecemento dos sistemas de protección social, dos coidados e a mellora do sistema fiscal; ou o sector primario e industrial da provincia, entre outros.
Sanz lembra que o futuro cónclave popular pretende ser un espazo de diálogo, de debate e de actualización de ideas co obxectivo tamén de acompasar o funcionamento do partido á sociedade lucense.
“O ideario do PPdeLugo facémolo entre todos. As nosas ideas son a suma das aportacións tanto dos dirixentes deste partido como dos seus afiliados, que son os nosos oídos e os nosos ollos, e dos propios cidadáns por exemplo a través deste buzón”, concluíu.
Congreso aberto e participativo
“Queremos facer do 18 Congreso o máis aberto, participativo e próximo aos cidadáns da nosa historia. Estamos a disposición de atender calquera contribución que se poida facer desde dentro ou desde fóra do noso partido”, explicou Sanz convidando a tódolos interesados a facer as súas achegas para construír o proxecto do futuro Partido Popular na nosa provincia.
A coordinadora da ponencia lembrou tamén que “queremos pulsar a opinión nos ámbitos empresarial, social e cultural” e por iso “estamos a desenvolver un calendario de reunións e encontros con diversas asociacións e colectivos, representantes da sociedade civil e dos principais sectores da provincia”.