Partido Popular de Lugo

O PP considera que o plan de obras presentado polo alcalde é “outra oportunidade perdida para Burela” porque carece de proxectos ilusionantes e de futuro

O grupo municipal do PP lamenta a evidente falta de proxecto para Burela do goberno presidido polo alcalde Alfredo Llano. Así o puxo unha vez máis de manifesto na sesión plenaria celebrada pola corporación municipal o pasado venres. No plan de obras aprobado neste pleno non hai ningún proxecto novo e ilusionante para Burela, segundo destaca o portavoz popular, Manuel Rouco.

 

Os populares cren que a máis recente sesión plenaria, extraordinaria, foi outra oportunidade perdida para o concello.  Rouco sinala: “O gasto de 2,6 millóns do plan de obras que, supostamente, porá en funcionamento para o ano, non é máis que o recoñecemento da falta de traballo dos últimos seis anos. Chega despois de moito insistir por parte do Grupo Popular ao longo de todo este mandato, especialmente o ano pasado cando comerciantes, hostaleiros, autónomos e a veciñanza xeral de Burela, tiveron que facer fronte á dura pandemia. Por fin decidiu activar o remanente de tesourería, que lle permitía a excepción da norma en vigor  para evitar o endebedamento excesivo das entidades locais”.

 

Rouco lembra “o endebedamento que, por desgracia, tivo que padecer a nosa vila no mandato do señor Llano, entre os anos  2007 e 2011; por aquel entón o equipo de goberno do señor Llano deixou nos caixóns do Concello case 1,3 millóns de euros de facturas impagadas, as que tivo que facer fronte o goberno entrante do PP, que debeu sanear as paupérrimas  contas que nos deixaran o alcalde Llano e os seus socios do BNG”.

 

O portavoz popular declara: “Nesta ocasión, as obras que presenta son as actuacións concretas que a veciñanza e en particular o Grupo Popular demandamos ao longo dos últimos seis anos. Non hai ningún proxecto novo e ilusionante, de futuro para Burela. Trátase, basicamente,  dos arranxos dos tanxibles xa existentes ou de futuribles que non levan a súa autoría intelectual, como é posible execución dunha residencia nas inmediacións dos institutos, un proxecto que procede do último mandato do PP e que non se puido executar porque había que pagar o que deixou a deber o señor Llano”.

 

Rouco sinala tamén: “A pesar de todo iso, dende o grupo Popular aledámonos de que por fin, e aínda que sexa a base de parches, se poña a traballar. O pistoletazo de saída á peculiar precampaña do alcalde Llano, con eses clásicos asfaltados masivos previos ás eleccións e outras obras de mantemento, poderá facer que na retina dos veciños de Burela quede unha imaxe máis benévola do desastre de xestión que foron os últimos anos do goberno do señor Llano.

 

Por outro lado, Llano recoñeceu neste pleno que, tal como temían no PP, “a remodelación da grada norte do campo de fútbol da Marosa, tantas veces vendida na prensa polo alcalde, non se vai levar finalmente a cabo”. Rouco explica: “A empresa concesionaria renunciou ao aval que depositara, debido a que o goberno municipal arrastrou tantos os pés á hora de tramitar a contratación da mesma, que a suba dos prezos  nestes dos últimos meses fai inviable a execución da obra por parte de ningunha empresa nas condicións nas que a tiña proxectada o señor Llano”.