Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno provincial a dotar de aseos, duchas e vestiarios ao pavillón anexo ao Pazo dos Deportes, no que adestran e compiten centos de nenos e xoves lucenses

O fomento do deporte de base debe ser tarefa fundamental para as institucións, sinaladamente para aquelas que están máis próximas ao cidadán. O deputado popular Óscar Poy sinala que fomentar o deporte dende a infancia esixe dispoñer de instalacións coas infraestruturas necesarias. A Deputación de Lugo precisa traballar máis e con maior eficiencia en moitos aspectos da atención a esta parte da xestión. Un deses aspectos a mellorar o antes posible, di Poy, ten que ver coas condicións do pavillón anexo ao Pazo dos Deportes, cuxas carencias é preciso solucionar canto antes, tal como reclaman moitos pais dos nenos que adestran nestas instalacións.

 

Poy explica: “O pavillón anexo ao Pazo do Deportes carece de aseos, duchas e vestiarios. Esta falta de servizos e ben coñecida polos xoves usuarios destas instalacións e tamén polos seus país, pero, cando se comenta con outros lucenses, alleos ao uso do pavillón, quedan tremendamente sorprendidos de que, a estas alturas do século XXI, se dea un caso así na capital da provincia”.

 

O mesmo deputado popular manifesta: “Os rapaces que adestran e compiten neste pavillón teñen que ducharse e cambiarse no propio Pazo dos Deportes, é dicir, noutro edificio; debido a elo, son moitos os que optan por marchar sen ducharse. Chegou o momento de poñer remedio a esta situación. Ao goberno provincial, e sinaladamente ao delegado de Deportes, Efrén Castro (BNG), tócalle buscar a maneira de resolver o problema; é unha cuestión que, de ser un xestor competente, xa tería solucionada”.

 

Os populares supoñen que, pasada a metade do mandato, o señor Castro algo terá pensando para dotar de duchas e vestiarios ao pavillón anexo ao Pazo dos Deportes, e confían en que na próxima sesión plenaria explique que fixo e que está a facer para resolver as deficiencias sinaladas. Lembran que, nalgunha ocasión, Castro apuntou que para facer as construcións precisas sería necesario modificar as condicións urbanísticas. De ser así, esperan que teña falado co goberno municipal, das mesmas cores política que o provincial, e teñan encamiñada xa a solución do problema. Neste sentido, Poy destaca que parece que non tiveron problemas para chegar a un acordo para instalar un lavadoiro de bicis; non está mal, pero non deixa de ser unha anécdota.

 

Poy sinala: “O urbanismo e as cuestión competenciais entre a Deputación e o Concello, non son argumento razoable para xustificar a inacción para resolver o problema que nos ocupa, nin para non solucionar outros relacionados coa rede de abastecemento de auga ao propio Pazo dos Deportes. Leva meses aberto o burato que foi necesario practicar no pavimento da rúa para amañar unha fuga de auga. Non ten xustificación, como non a ten que o pavillón anexo ao Pazo dos Deportes siga sen duchas nin vestiarios. É hora de que o señor Castro faga o seu traballo como delegado para Deportes”.