Partido Popular de Lugo

O PP de Burela critica que “o sr. Llano e o seu goberno discriminan por partida tripla aos veciños do lugar de Ril”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, asegura que “o sr. Llano e o seu goberno discriminan por partida tripla aos veciños do lugar de Ril”: vivendas sen saneamento municipal; a praia, sen bandeira azul e a maleza das rúas, sen desbrozar.

 

O popular cre que “é unha inxustiza para os veciños desta zona de Burela” que “o goberno do sr. Llano e o grupo do BNG se opoñan a atender unha necesidade básica como é a conexión á rede de saneamento municipal que o Grupo Municipal Popular solicitaba no último pleno ordinario celebrado neste mes de agosto”.

 

Rouco engade que “preto destas vivendas se atopa a praia de Ril que xa perdeu a bandeira azul por non poder cumprir o goberno local o cupo de socorristas mínimo que require este recoñecemento” e que, ademais, “cando desbordan as fosas sépticas das vivendas desta zona, os residuos discorren cara á mencionada praia”.

 

Ante esta situación, os populares lamentan o rexeitamento a “esta obra básica non só para os veciños da zona que ven como en pleno século XXI nun concello como Burela teñen que facer uso de fosas sépticas; senón que tamén é unha obra básica de carácter medioambiental”. Isto é, este proxecto permitiría dar solución “aos desbordamentos que se producen por algúns aliviadoiros das fosas sépticas que teñen que ser empregadas polos sufridos veciños e que despois padecen os bañistas e visitantes da praia de Ril”, expón o popular. Ademais, argumenta que “non se trata dunha obra faraónica porque a estimación inicial do proxecto era de arredor de 60.000 euros”.

 

O voceiro do PP critica tamén que “o sr. Llano decidise que o camiño que discorre por esta zona non se debe desbrozar” e, polo tanto, que “esta zona presente un aspecto moi na liña do resto de Burela, que aínda no mes de agosto continúa ateigada de maleza”.

 

O goberno non leva o proxecto de saneamento ao pleno extraordinario

O popular engade que “para redondear a discriminación cos veciños desta zona; o sr. Llano non foi capaz de incluír na orde do día do pleno extraordinario que se vai celebrar este venres o proxecto básico necesario que lle demandaba o Grupo Municipal Popular para este lugar”.

 

Incide tamén Rouco en que “este pleno foi convocado polo alcalde para a posible aprobación do cuarto recoñecemento de crédito no que vai de ano e o segundo dende que se aprobaron os orzamentos no pasado mes de xuño”.