Partido Popular de Lugo

Os populares lucenses pídenlle ao PSOE reivindicar ante o Goberno “centrar o investimento” para a conectividade 5G “nos territorios menos poboados

A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, destacou a “importancia da conectividade para os territorios menos poboados como é o caso da provincia de Lugo”. Así o puxo de manifesto na Fonsagrada despois de manter unha reunión de traballo co grupo municipal popular e o seu voceiro, Jose Regueiro, na que tamén participou o deputado nacional Jaime De Olano, para analizar os recursos desta zona tan importante para a provincia de Lugo.

 

A máxima dirixente popular da provincia e tamén deputada autonómica quixo volver presentar na Fonsagrada unha proposta en positivo do Grupo Popular no Parlamento galego co obxectivo de mellorar a conectividade nas zonas menos poboadas. “Aquí, nun concello gobernado polo Partido Socialista a pesar de perder as eleccións, pedimos aos socialistas que reivindiquen e esixan para o seu territorio que nas subastas que o Ministerio está sacando, lles esixan aos operadores centrar o investimento nos territorios menos poboados como pode ser o caso da Fonsagrada, a Montaña lucense e a nosa provincia en xeral”, expuxo.

 

Candia considera que se trata dunha “oportunidade histórica para que a conectividade, a infraestrutura máis importante do século XXI, chegue a estes territorios”. É que o Goberno de España dispón de máis de 4.300 millóns de euros de fondos públicos para favorecer a conectividade e despregar a tecnoloxía 5G. Recentemente, dentro da Estratexia de impulso ao desenvolvemento da tecnoloxía 5G, subastou bloques de frecuencias da banda de 700MHz, pero “as obrigas establecidas polo Estado para os adxudicatarios son insuficientes para  cubrir as necesidades dos territorios máis rurais e complexos como é o caso da nosa provincia”.

 

Igualdade de oportunidades

A popular insistiu na necesidade de que “o Goberno obrigue a través dos pregos de cláusulas aos operadores, que sabemos que por si non o fan, a reorientar os seus investimentos aos territorios menos poboados” e que “o Ministerio incentive o despregamento da tecnoloxía 5G para paliar e eliminar  as desigualdades nos territorios menos poboados”.

 

Candia destacou na Fonsagrada que “o proxecto político do PP apoia e prioriza ao Camiño Primitivo e ao sector primario, que é moi importante no municipio”. Engadiu que as accións de traballo dos populares se dirixen a que “as xentes do municipio teñan as mesmas oportunidades que os habitantes das grandes cidades como demostra esta proposta en positivo dirixida a favorecer a conectividade deste territorio”.

 

Proposición Non de Lei

A Proposición Non de Lei presentada polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia ten como obxectivo instar á Xunta de Galicia a que se dirixa ao Goberno de España para que, de acordo coa Administración Autonómica, concrete e priorice as medidas contempladas na Estratexia de Impulso da Tecnoloxía 5G que permitan incentivar o despregamento desta tecnoloxía nas poboacións de menor tamaño e no medio rural,así como en aquelas infraestruturas, polos industriais e de coñecemento estratéxicos da Comunidade Autónoma.