Partido Popular de Lugo

O PP “abre á sociedade” a elaboración da súa ponencia e manterá encontros con representantes dos principais colectivos e sectores da provincia

A coordinadora da ponencia provincial dos populares lucenses, a deputada autonómica Cristina Sanz, mantivo unha xornada de traballo cos integrantes do Comité Organizador do 18 Congreso na que acordaron que para afrontar a tarefa de redacción deste documento, “no que se abordarán os retos de futuro da provincia”, promoverán un proceso “participativo de ideas, de traballo e de futuro, aberto a toda a sociedade”.

 

Con este obxectivo, os populares deseñaron un calendario con reunións e encontros con diversas asociacións e colectivos, representantes da sociedade civil e dos principais sectores da provincia “para presentarlles as nosas ideas e que poidan formular as súas achegas”. Sanz aclara que “ser o partido preferido polos lucenses, elección tras elección, supón tamén unha responsabilidade” e por iso “aspiran a de ser fiel reflexo da sociedade á que representan, e das súas lexítimas aspiracións de progreso e benestar”.

 

“Queremos facer do 18 Congreso o máis aberto, participativo e próximo aos cidadáns da nosa historia. Estamos a disposición de atender calquera contribución que se poida facer desde dentro ou desde fóra do noso partido. E por iso tamén queremos pulsar a opinión nos ámbitos empresarial, social e cultural”- insistiu Sanz.

 

O relatorio, que se elaborará seguindo o modelo dun comunicado, estruturarase en varios apartados: economía e emprego, medio rural e sector primario, servizos públicos, infraestruturas, igualdade, política social, sanitaria e medio ambiental e rematará con propostas e reflexións no ámbito da mocidade, educación, cultura e turismo.

 

Un partido aberto, próximo e comprometido

Coa mirada posta no 3 de setembro, data límite para presentar o documento baixo o título Un proxecto de partido, un proxecto para Lugo os populares aspiran a continuar sendo “o gran punto de encontro” de todos aqueles que teñen como “centro da súa acción política a Lugo e á súa provincia, e que foxen das fórmulas extremistas, populistas e nacionalistas”.

 

A relatora explica tamén que este “debate de ideas” debe servir para afrontar o futuro dun modo “máis esixente”. Así avanza que os populares non aspiran a recibir a confianza dos veciños da provincia polos “sonados desacertos” que están a protagonizar a xestión doutras forzas políticas. “Queremos convencer. Que nos apoien porque lles escoitamos e porque damos motivos dabondo para xerar ilusión, para crer nas nosas ideas e proxectos. E para iso, é imprescindible seguir un proceso “que parta dun diálogo coa sociedade, outro coa militancia e acompasar a formación popular á unha provincia en constante evolución”.

 

Sanz referiuse tamén ao “inmenso patrimonio que para o PP supoñen os seus afiliados e a súa militancia” e sinala que da cita congresual servirá tamén para elixir un “equipo reforzado, máis forte, máis unido, máis moderno e mellor conectado cos lucenses”. Con todo, insistiu que o “18 Congreso non estará centrado en nomes, senón en ideas” co obxectivo de seguir sendo “o partido que máis se parece á Lugo e aos lucenses”.

 

Finalmente explicou que entre as liñas básicas da futura ponencia está tomar exemplo do traballo das alcaldesas e alcaldes do Partido Popular na provincia de Lugo, “que representan, co seu traballo e compromiso diario, o mellor referente da nosa acción política e institucional”. “Como cada un deles” –explica Cristina Sanz- “temos que dar o mellor de nós mesmos para conseguir o mellor para os nosos veciños”.

 

Prazos do XVIII Congreso

En canto aos prazos do 18 Congreso, o Comité Organizador lembrou que do 28 de agosto e ata o 8 de setembro está aberto o prazo de presentación de solicitudes de afiliados para ser candidatos a compromisarios. O cónclave popular contará con 756 compromisarios, 138 natos –por formar parte da Xunta Directiva e do Comité Organizador-, e 138 electos, deles 18 por Novas Xeracións.

 

Do mesmo xeito, do 27 de agosto ao 13 de setembro terá lugar a campaña electoral interna, para a que está proclamada candidata única a actual presidenta provincial, Elena Candia, “que optará a reelección, nun exemplo de unidade e fortaleza no partido” e todo concluirá o 19 de setembro, cando teña lugar a celebración do Congreso.